Catro días despois dun golpe duro, ben recibido logo dunha tempada para a historia, chega a primeira novidade con respecto ao vindeiro curso. A primeira peza do novo proxecto, na liña de continuidade deste pasado ano, chega para o banco coa renovación ata 2019 de Yago Iglesias e todo o seu corpo técnico, formado por Rodri Veiga, Alex Otero e Pablo Castro. Unha parte importante para tentar superar o feito ata a pasada fin de semana logo de recibir a oferta de renovación antes de rematar a liga.
Chegado no verán de 2016, despois dun duro descenso, o ribeirense configurou un novo equipo baseado na xuventude dos xogadores. Un proxecto que se renovou o curso pasado cunha boa base de xogadores e a chegada de pezas moi importantes coma Alex Ares, Casas, Róber ou Primo, fixos no once ao longo dunha tempada para a historia, difícil de esquecer con tantos bos recordos.
Un récord de vitorias consecutivas, un título de liga en Terceira nove anos despois, a volta dun equipo temible a domicilio e unha promoción de ascenso para recordar, coa remontada fronte ao Terrassa e un partido diante do Salmantino con máis de sete mil persoas en San Lázaro. Méritos máis que de sobra para confiar nun adestrador que terá como primeiro reto importante a Copa do Rei á que os nosos volven tres anos despois.
A de Primo, a máis desexada.
Coa confirmación do adestrador para un ano máis, agora Manuel Castiñeiras traballa para intentar manter o máximo número de xogadores do equipo actual. Comezadas xa as negociacións, a afección espera, sobre todo, a continuidade de Primo no ataque branquiazul, algo que apunta difícil despois da gran campaña feita polo cántabro.
Non obstante, hai que falar dun bo número de xogadores con contrato en vigor ata 2019. Sergio Pereira, Álvaro Casas, Mon, Ube e Alberto seguirán, se non hai ningunha sorpresa, no equipo de cara á vindeira tempada. Non obstante, espérase a renovación de máis pezas importantes para a terceira tempada consecutiva na Terceira división.

Ningún comentario:
Publicar un comentario