Sen sufrir non vale?

O Compos sumou a súa terceira vitoria consecutiva ante o Cultural Areas en San Lázaro nun partido con emoción ata o final. Moitos goles, ata seis en total, e dez cartóns amarelos entre os que se atopa o que viu Uña e que lle impide estar ante o Somozas na xornada entre semana. Un triunfo branquiazul moi importante coa mirada posta na saída do xoves.
Logo de sumar o mesmo número de vitorias a domicilio neste arrinque de tempada ca en todo o ano pasado, chegou o sexto triunfo en seis partidos ante un Cultural Areas que visitaba o teatro branquiazul por primeira vez na súa historia, deixando unha boa imaxe por momentos e achegándose ao empate. Ademais, cabe salientar o gran encontro de Lorenzo. 


Inmellorable comezo.
O mellor do partido para o Compos foron os primeiros vinte minutos de partido. Superioridade total, fútbol, numerosas ocasións e goles que facían pensar nunha vitoria cómoda dos nosos, algo que, coma case sempre, non pasou. 
A Esedé comezou o xogo con superioridade, poñendo en perigo a porta ponteareá. Dúas ocasións en menos de cinco minutos foron, de feito, un adianto do que chegaría antes dos dez minutos de xogo. Un dos mellores centros do campo da categoría combinou para superar unha defensa feble e adiantar aos nosos. Unha xogada que comezou Ares e finalizou Róber superando a Luis pola esquerda.
O gol deu folgos a un Compos que un minuto despois estaría de novo preto da portería visitante e tres despois facendo o segundo. Gol, nesta ocasión de Santi, logo dunha moi boa contra liderada por Rubén e na que tamén participou Mon facendo gala o de Vilagarcía dunha gran velocidade coa que fixo o que quixo dos laterais.
E se iso non era suficiente, antes dos vinte minutos de partido chegou o gol que puido significar a vitoria logo de ver a diferenza sobre o terreo de xogo. Un tanto que, de novo, chegou nunha contra pola banda, nesta ocasión polo lado de Saro, e que meteu na súa propia portería Hugo André no intento de despexar.

E adeus. 
Vinte minutos de superioridade total sobre o verde con goles suficientes para deixar case sentenciado o partido con máis dunha hora por diante. Non obstante, o Cultural Areas non estaba de acordo co resultado e buscou polo menos meterse no partido, algo que puideron facer grazas á baixada de intensidade dos nosos perdendo incluso a posesión da pelota. 
O Areas, que fixo un troco logo do terceiro tanto branquiazul, non quixo perder nin un segundo e antes da media hora conseguiron un gol, obra de Nuno Filipe, que mantiña con vida aos pontevedreses de cara ao segundo tempo. 

O mellor Lorenzo. 
Malia encaixar dous goles, Lorenzo amosou a súa mellor versión. O porteiro padronés evitou un novo gol ponteareán no primeiro tempo e deixou un segundo tempo para o recordo comezando cun penalti parado e sacando tamén o rexeite a poucos metros da liña de gol poñendo en pé de novo aos afeccionados. 
Ás dúas paradas, unha en cada pau en cuestión de segundos, hai que sumar outra máis case na liña de gol. Unha atallada, tamén para o recordo, que foi sucedida polo segundo gol visitante co que se metían aínda máis no partido. De feito, chegou nun córner que non perdoou Pastoriza cun gran testarazo chegando dende atrás. 
E iso non foi todo. Malia contar cun home menos logo da expulsión de Farouk dous minutos despois do segundo gol, o Cultural Areas non quixo amosar inferioridade poñendo en perigo a porta de Lorenzo sempre que tiveron a oportunidade nun segundo tempo marcado polas interrupcións. 

Bo final. 
Logo do segundo gol visitante, o Compos pareceu meterse de novo no encontro sabendo que os pontevedreses estaban preto do empate. De novo apareceu a superioridade branquiazul e as ocasións sucedéronse sobre a porta contraria con Sobrido como autor das mellores ocasións. Ademais, logo de varias ocasións erradas, o vigués foi quen de pechar o resultado, a vitoria e aumentar unha gran xeira que pon aos nosos no segundo posto. 
Sobrido, que xa anotou un gol importante esta tempada na súa estrea co Compos, non desaproveitou a oportunidade e deixou unha nova mostra da súa calidade ante o porteiro. Un golazo do canteirán celeste chamando á porta da titularidade.

Agora, a preparar en pouco tempo a visita ao Alcalde Manuel Candocia, un partido importante onde a cuarta vitoria consecutiva está en xogo contra un dos mellores equipos da categoría. 

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, Cardeñosa, Uña, Mon; Casas, Samu (Alberto, min. 89); Rober, Ares, Rubén (Sobrido, min. 57); e Santi (Tomás, min. 74). 
CARTÓNS: Amarelos para Cardeñosa, Uña, Santi, Rober e Tomás. 
GOLES: 1-0 8' Rober, 2-0 11' Santi, 3-0 18' Hugo André (en p.p.), 3-1 28' Nuno Filipe, 3-2 64' Pastoriza, 4-2 90' Sobrido.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario