Para todo hai unha primeira vez

Compos e Cultural Areas veranse as caras por primeira na súa historia en partido de liga este mesmo domingo. Un encontro difícil ante un conxunto que busca non só a permanencia senón tamén superar o 13º posto acadado na súa primeira campaña na Terceira galega, alá polo ano 2010. Ademais, trátase dun equipo que xa sabe o que é gañar fóra da casa e que chega logo de sumar os tres puntos a pasada fin de semana.
Arrinca así unha semana na que teremos ata tres encontros importantes en oito días, dous deles en San Lázaro e outro no Alcalde Manuel Candocia ante un dos mellores equipos da categoría: o Somozas.


Buscando a permanencia.
O Cultural Areas chegará este domingo a San Lázaro por primeira vez na súa historia para enfrontarse a un Compos nun bo momento de forma logo de dúas vitorias consecutivas. Pola súa parte, o conxunto pontevedrés buscará a súa segunda vitoria consecutiva en San Lázaro, algo que non conseguiron no que vai de tempada chegando a sumar 4 puntos seguidos nas xornadas 3 e 4.
O conxunto ponteareán, recén ascendido este verán, comezou con bo pé a súa sexta campaña na Terceira logo dun empate ante o Choco mais a primeira vitoria non chegou ata o mes de setembro, cando se levaron os tres puntos do Municipal de Laracha. O primeiro triunfo conseguido polos ponteareáns e única ocasión na que foron quen de puntuar a domicilio, ao que engadir outra vitoria e dous empates máis na Lomba.
O dato máis curioso é que o Areas suma ata o de agora 9 goles e encaixou 13, sendo o cuarto equipo que máis goles recibiu ata o de agora. Deses 9 goles, 5 foron obra de Yelco Alfaya e 3 de Belhadi, xogadores máis destacados en labores ofensivas e que terán que parar os defensas branquiazuis.

Cuartos.
Tanto o Compos coma o Cultural Areas ocupan a cuarta posición en dúas clasificacións grazas á mesma cantidade: 13. Unha cifra que fala de goles e que asegura que este domingo se poderán vivir algún que outro en San Lázaro.
Comezando co Compos, o noso equipo é o cuarto que máis goles anotou nestas 7 primeiras xornadas de Liga. Un dato que non semella tan positivo tendo en conta que a Esedé tamén é o quinto que máis goles encaixa logo de 12 en 630 minutos de xogo.
Pola súa parte, o Cultural Areas suma a mesma cifra de goles, 13, pero en contra. Catro contra Racing Vilalbés e Boiro, dous contra o Silva e un ante Choco, Ribadumia e Laracha. Só deixaron a súa porta a cero ante o Barbadás na última xornada, na que conseguiron tres puntos de ouro.

A seguir polo bo camiño.
Os dous conxuntos chegan logo de gañar a pasada fin de semana nas súas respectivas citas, complicadas. Comezando co Compos, o noso equipo suma dúas vitorias seguidas ante Barbadás e Bergantiños, as dúas a domicilio, en dous encontros moi difíciles para os branquiazuis.
Pola súa parte, o Cultural Areas superou ao Barbadás tamén pola mínima grazas a un gol de Hélder Rodrigues en propia porta, o único ata o de agora que non anotaron os dous atacantes branquiazuis. Un triunfo que abre a oportunidade aos de Ponteareas de sumar este domingo dúas vitorias consecutivas por primeira vez na tempada.

Dúas baixas e un apercibido.
Unha semana máis, Yago conta coas baixas de Ube e Diego Rey. Os dous centrocampistas, que levan fóra dos terreos de xogo todo o que vai de tempada, aínda non teñen data de volta malia estar a esgotar xa os prazos postos no momento das súas lesións.
Pola súa parte, David Uña chega a este partido apercibido de sanción. O central madrileño, un seguro no centro da defensa dende a súa chegada a Santiago, viu catro cartóns amarelos e non podería estar ante o Somozas de ver outro ante o Cultural Areas.

Ás 5.
Este domingo, San Lázaro abrirá as súas portas para un partido que dará comezo ás 17 horas, sendo así o máis cedo dos nosos ata o de agora. Un partido para o que o prezo das entradas para non socios será de 10 euros para maiores de 18 anos, 5 euros para rapaces entre 17 e 13 anos e de balde para menores de 12.
Pola súa parte, quen non poida achegarse ao teatro branquiazul poderá seguilo en directo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter. Ademais, poderá escoitarse en directo a través da 'Esedé Radio', na web oficial do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario