Mellor a domicilio

O Compos buscará na segunda xornada entre semana unha nova vitoria que faga esquecer o empate nun pobre partido de fútbol ante o Arousa do pasado domingo. No Campo do Morrazo, o Compos buscará a súa sexta vitoria a domicilio, que sería ademais a quinta consecutiva lonxe de San Lázaro. Diante, un rival que vai de menos a máis e que ante a súa afección sumou 13 de 18 puntos posibles fabricando un fortín do que só o Silva saiu cos tres puntos.


Fortes na casa.
O Alondras está a facer unha gran tempada ante a súa afección. O conxunto cangués sumou na casa gran parte dos puntos cos que conta ata o de agora, 13 dos 19 que o achegan aos postos de promoción de ascenso, ao Bergantiños. Ademais, chegan despois de dúas xornadas sen coñecer a derrota e outros dous partidos na casa puntuando.
Noia, Negreira, Arenteiro, Silva, Laracha e Boiro pasaron polo Campo do Morrazo e só coruñeses foron quen de facerse cos tres puntos, aos que engadir que os boirenses puideron saír cun punto traballado nun partido sen goles. A iso hai que engadir que acumulan 14 goles ante os seus seareiros e que só encaixaron 4, dous deles contra o actual líder do campionato.
A só tres puntos do cuarto clasificado, o Bergantiños, ascenderon catro postos coa vitoria ante o Barbadás no primeiro dos tres partidos da semana. Un equipo que ten á súa afección como o máis importante e que a domicilio só asinou 6 puntos de 18 posibles logo dunha vitoria e tres empates.
A nivel individual, o conxunto pontevedrés conta con pezas importantes coma o ex do Compos Jesús Varela, un fixo no fútbol galego como é Pardavila, Alex Rey e Palmás, máximos goleadores do equipo con 5 e 4 goles respectivamente, ou Carlos Hortal, porteiro que pasou polas filas do Compos durante dous meses conseguindo un ascenso.

Moita igualdade.
Se hai algo que está claro é que este partido estará moi igualado. O cuarto mellor equipo coma local recibirá ao mellor visitante da categoría nun partido onde está claro que o gol non chegará con facilidade, sobre todo tendo en conta que o Alondras en defensa semella ser un dos equipos máis fortes da categoría.
O conxunto con máis gol do grupo, e equipo galego máis anotador das catro máximas categorías do fútbol nacional, terá moito traballo por diante para non só superar a defensa canguesa senón, ademais, para devolver ao equipo ao camiño da vitoria.

Outro clásico na Terceira.
Se o enfrontamento ante o Arosa xa é considerado un Clásico do fútbol galego, ante o Alondras non é menos. Ata nun total de trinta ocasións se viron as caras cangueses e branquiazuis con resultados moi positivos para os nosos, ante as só tres vitorias do equipo que nesta ocasión será local.
No Campo do Morrazo contamos con quince precedentes con resultados moi igualados. O Compos foi quen de facerse cos tres puntos ata en 4 ocasións, a última no pasado mes de xaneiro, ademais de sumar un total de 9 empates. Por contra, tanto no 66 coma no 88, a vitoria quedou na casa con vitorias pontevedresas pola mínima.
Outro seguro é que haberá goles, ou polo menos así foi ao longo da historia. Só dous empates sen goles aos que sumar os 20 tantos branquiazuis e os 13 locais na historia dos Alondras-Compos, unha historia que comezou alá polo ano 1963. 
En canto ao último enfrontamento entre ámbolos dous conxuntos, o Compos fíxose cos tres puntos no pasado mes de xaneiro, acadando a segunda vitoria consecutiva a domicilio logo de toda unha primeira volta sen sumar de tres lonxe de San Lázaro. Un partido conseguiu levar por diante o Compos grazas a un gol de Recoba no primeiro tempo, resultado que conseguiu empatar Mauro no segundo tempo. O gol local serviu para comezar cuns minutos de tolemia con dous goles de Diego Rey para devolver a vitoria aos nosos. Un triunfo que foi aínda máis complicado co segundo tanto de Mauro e ao que respondeu Diego Rey cun golazo para asinar o 2-4 definitivo.

A pola terceira. 
Tanto Compos coma Alondras suman ata o de agora dúas xornadas consecutivas sen perder. Dúas fins de semana sen coñecer a derrota e sumando, ámbolos dous equipos, catro puntos de seis posibles cun empate e unha vitoria. 
O equipo de Yago Iglesias asinou unha vitoria moi importante hai xa dúas xornadas na Illa de Arousa confirmando unha gran superioridade a domicilio. Unha superioridade que non se reflexa nos partidos da casa, onde sumou o seu primeiro empate do curso contra o Arousa en San Lázaro nun partido con máis ben pouco, moi pouco, fútbol. 
Pola súa parte, o Alondras empatou hai uns oito días contra o Boiro nun partido sen goles, un encontro entre dous equipos chamados a estar na parte alta da clasificación ao final do campionato. Un resultado que conseguiron mellorar o domingo ante o Barbadás nos Carrís, onde conseguiron os tres puntos grazas aos goles de Pardavila e Alex Rey nun partido con ata catro expulsados.

Moitas baixas por sanción.
Ata tres xogadores non poderán estar sobre o Campo do Morrazo por sanción, dous no Compos e un no Alondras, despois dunha dura xornada de fin de semana onde os dous equipos remataron con expulsados. 
No lado branquiazul, Yago Iglesias podería contar de novo con Sergio, recuperado xa da súa lesión, pero perderá a Cardeñosa, por acumulación de amoestacións, e Rubén, expulsado no treito final do encontro contra o Arousa. Ademais, Primo e Álvaro Casas chegan apercibidos de sanación e non poderían estar o vindeiro domingo contra o Noia de ver un cartón amarelo.
Polo lado local, Aitor Díaz será baixa segura logo de ver un cartón amarelo contra o Barbadás. 

Segunda xornada entre semana. 
Logo de superar ao Somozas unha tarde de xoves, agora toca pensar en bater ao Alondras nunha tarde de mércores. Este vindeiro día 1 de novembro visitaremos o Campo do Morrazo ás 16:30h para o que será, ademais, a segunda cita en oito días, nunha semana moi importante para manterse entre os catro primeiros. 
O prezo das entradas será, coma sempre, de 10 euros. Non obstante, quen non poida asistir a Cangas do Morrazo poderá seguir o encontro nas redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter.

Ningún comentario:

Publicar un comentario