O Compos segue a ter problemas para sumar de tres na casa no que vai de tempada. Un equipo que só conseguiu 4 dos últimos 12 puntos posibles ante a afección branquiazul, ante os 15 en 6 partidos a domicilio, pero que recupera o segundo posto da táboa logo do primeiro empate do campionato contra un rival directo na loita polos postos altos.
Un punto que chega logo dun partido contra un Arousa sen moitas ganas de xogar ao fútbol, axudado por un árbitro ao que se lle foi o partido das mans moi cedo e que rematou sen saber moito que facer nun final moi quente, con dous expulsados e decisións do colexiado moi dubidosas que puideron evitar a remontada dos nosos.
Interrupcións dende o arrinque.
Xa dende que comezou o xogo, os homes do Arousa amosaron unha clara idea de evitar de calquera xeito as posibles chegadas dos nosos á área visitante. Tal foi así que non tardaron máis de cinco minutos en amosar a dureza coa que xogarían todo o partido cunha fea entrada de Sidibé sobre Mon que, ademais, o colexiado non castigou con cartón como si faría durante todo o segundo tempo en case tódalas entradas dos nosos, lonxe de zonas perigosas e en moitos casos sen dureza.
Ocasións, moi poucas e sen perigo. Malia iso, o colexiado pasou por problemas para controlar o xogo e nunha xogada onde non sinalou un máis que posible penalti sobre Primo, preferiu expulsar a Rodri polas protestas confirmando os problemas para levar ben o nivel do encontro.
Pouco máis dun primeiro tempo onde se sucederon as interrupcións e perdas de tempo por parte dun Arousa que buscou máis evitar o gol branquiazul e aproveitar a súa mellor ocasión para adiantarse que facer un bo fútbol.
Fea segunda metade.
Se a primeira parte deixou moito que desexar, peor foi a segunda. O primeiro cartón para un dos nosos chegou aos dous minutos logo da reanudación, para o ex do conxunto vilagarcián Cardeñosa, que non poderá estar ante o Alondras no encontro do vindeiro mércores por sanción. Nesa mesma xogada arrincou unha serie de cartóns que chegaron case un por entrada.
Partido moi trabado, con aínda máis interrupcións grazas tamén aos seis trocos realizados polas dúas escadras e as innumerables simulacións dos xogadores arousáns, pasando moito tempo polo chan. Non obstante, o peor estaba por chegar.
O Arousa non quixo desaproveitar a súa mellor chegada á área de Lorenzo e Javi Pazos non perdoou cun disparo dende a frontal que entrou pegado á madeira e ante o que o gardamallas padronés non puido facer máis. Un gol que, ademais, foi moi protestado no banco da Esedé por unha posible man no comezo da xogada e que na celebración Sylla acabou por quentar á afección por completo cuns xestos nada acertados cara a bancada.
Mais, por sorte, non tardou en chegar a igualada cun dos goles da xornada. Rubén, un dos protagonistas da tarde, aproveitou unha mala saída de Lloves, gañou ao porteiro en velocidade nun balón sen dono e asinou o empate, que sería definitivo, cunha fermosa vaselina. Un golazo ante os seus ex e que só sería o comezo dun tempo moi completo para o vilagarcián.
Dez minutos eternos.
O treito final do encontro fíxose eterno. O Compos buscou con insistencia o gol da vitoria ante un Arousa que aproveitaba o mínimo contacto para buscar perder tempo. A iso hai que engadir que o colexiado xa non parecía estar no partido permitindo outro máis que posible penalti na área visitante, nesta ocasión de Lloves sobre Rubén.
O propio Rubén foi tamén vítima dunha agresión logo dunha falta de Primo en ataque e que rematou coa expulsión de Fran Matos nunha acción totalmente innecesaria que abriría un final sen fútbol. De feito, o propio Rubén viu o seu primeiro cartón no minuto 88 e o segundo no engadido por, segundo o colexiado, tirarse na área arousá.
Un final sen fútbol, con moitas leas entre xogadores dos dous equipos e que se saldou con dous expulsados e tres amoestados no equipo dun Yago Iglesias que perde a Cardeñosa e Rubén para a visita do vindeiro mércores a Cangas do Morrazo.
ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, Cardeñosa, Uña, Mon; Casas, Samu (Ube, min. 67); Róber (Tomás, min. 72), Ares, Santi (Rubén, min. 56); e Primo.
CARTÓNS: Amarelos para Cardeñosa, Casas, Uña, Ube e Primo. Expulsado Rubén por dobre amoestación.
GOLES: 0-1 71' Javi Pazos, 1-1 73' Rubén.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario