O Compos arrinca unha nova semana importantísima con ata nove puntos en xogo en oito días. Tres partidos complicados ante tres duros rivais que buscarán os tres puntos para achegarse aos seus respectivos obxectivos. A iso hai que engadir que chega unha nova gran oportunidade dos nosos para recuperar o segundo posto da clasificación.
En ascenso.
O Arousa chega a esta cita nun gran momento de forma e resultados logo de cinco xornadas sen coñecer a derrota e tres vitorias consecutivas. O conxunto arlequinado está a mellorar agora un mal arrinque de tempada, sen vitorias ata a quinta xornada de liga, superando a equipos chamados a estar na parte alta da clasificación, coma no caso do Boiro ou Racing Vilalbés.
Ocupando a sétima praza na clasificación, suman agora mesmo un total de 17 puntos, cinco menos ca o Bergantiños, o Arousa quere loitar un ano máis por entrar nos catro postos de promoción de ascenso. Para iso, suman ata o de agora catro vitorias, cinco empates e só dúas derrotas ante Negreira e Silva, ámbalas dúas a domicilio.
A parte desas dúas caídas, fóra da Lomba conseguiron dous empates, contra Arenteiro e Laracha, e un triunfo, hai dúas semanas en Barraña contra un Boiro que non parece atopar o bo camiño. Por contra, non se trata dun equipo que marque moitos goles fóra da casa, só 3 ao seu favor, nin tampouco encaixan moitos, 4, contando cunha das mellores defensas do campionato.
A nivel individual hai que falar da boa tempada que está a facer Javi Pazos. O dianteiro de Marín é o máximo goleador do seu equipo con 6 tantos, case tantos coma os que encaixou Lloves baixo paus no que vai de tempada.
Unha gran defensa contra o mellor ataque.
Logo dos cinco goles contra o Céltiga, o Compos confirmouse coma o equipo galego con máis gol en categorías nacionais, con 25 ao seu favor. Un equipo que semella ter facilidade para ver porta con máis de 2 goles de media por encontro, algo lonxe do visto a pasada campaña, na que sumaba 20 tantos a estas alturas.
Diante estará un equipo que pode presumir de ter unha das mellores defensas da categoría. Malia non contar con moito gol, acumulan 14, si poden presumir de ser un dos equipos máis sólidos atrás logo de encaixar 8 goles ata o de agora, catro na casa e catro a domicilio. Uns datos que só melloran Barco, Silva e Ourense, este último aínda por recibir ao Compos na primeira volta.
Sen dúbida, estamos ante un partido que ben pode recordar ao de hai dúas semanas en San Lázaro, no que o Barco conseguiu un gol importante e foi quen de manter a diferenza no marcador ata o final amosando unha defensa forte e sen ocos contra un equipo con balón pero sen ocasións de perigo.
Un clásico do noso fútbol.
Dende 1963, este partido é un clásico do fútbol galego. Dous fixos na Terceira división e que se viron as caras na capital galega nun total de 15 ocasións cuns números inmellorables para os nosos xa que o Arousa non sabe o que é gañar nin en Santa Isabel nin en San Lázaro.
Dos quince precedentes ata o presente, doce foron os que remataron con vitoria para os nosos mentres que os outros tres finalizaron con empate, só un deles sen goles. Un total de 42 goles repartidos en 34 para os nosos e 8 para os vilagarciáns, incapaces de sacar algo positivo da capital galega dende 1983, cando conseguiron o último reparto de puntos.
Uns datos aos que engadir que o Compos só caeu na Lomba en tres ocasións, sempre pola mínima e coa última derrota hai 34 anos.
Un precedente a ter en conta.
A pasada tempada, os dous equipos chegaban con opcións de meterse entre os catro primeiros clasificados con sete xornadas por diante. Un partido, xogado no pasado mes de marzo en San Lázaro, onde só houbo un equipo sobre o terreo de xogo e amosando unha gran superioridade de cara a porta con tres goleadores que poderían estar sobre o campo de novo este domingo, nun equipo onde poderían repetir ata 8 xogadores do once titular.
Santi, máximo goleador neste arrinque de tempada, Mon, Diego Rey e Make, único dos goleadores que non segue nas filas da Esedé, non deron opcións a un Arousa que malia contar cun bo equipo e chegar dende a cuarta praza, non puido sacar nada positivo contra os homes de Yago Iglesias.
Momento de recuperar os bos resultados.
O Compos só sumou unha vitoria nos tres últimos encontros en San Lázaro, contra o Cultural Areas. Dúas derrotas máis, unha delas no último encontro na casa ante o Barco, que provocaron a perda do segundo posto dun equipo que xa fai máis puntos a domicilio que na casa.
A este partido chegan logo de conseguir a quinta vitoria en seis encontros coa maior goleada do que vai de tempada contra un Céltiga que non mereceu recibir tal cantidade de goles. Cinco tantos que confirmaron a Santi coma o máximo goleador do equipo, autor de tres, e que serviron a Alex Ares para asinar o seu primeiro dobrete coa camisola branquiazul.
Pola súa parte, o Arousa non perde dende o pasado mes de setembro, cando caeron ante o Silva na Grela. Ata o de agora, cinco xornadas consecutivas puntuando, con tres vitorias consecutivas, e unha goleada a pasada xornada contra un Barbadás que está a pasar por problemas para chegar aos postos de permanencia. Yerai, Javi Pazos, Rivas e Julio Rey, autores dos catro tantos nun partido onde Lloves encaixou un gol máis de 400 minutos despois.
Un de tres.
Con este partido comezamos unha semana intensa de moito fútbol. Ata tres xornadas se vivirán en oito días con outro encontro entre semana, nesta ocasión en mércores. Oito días que comezan con este enfrontamento ante o Arousa, que contará coa saída dos nosos ao Campo do Morrazo para visitar ao Alondras e que rematará coa visita dun Noia en serios problemas a San Lázaro. Tres xornadas que poderían servir para aproveitar algún posible erro tanto do Barco coma do Silva para subir postos na clasificación.
Pola súa parte, o Arousa recibirá ao Cultural Areas e visitará ao Somozas en dous partidos onde buscarán sumar puntos que acheguen ao cadro de Vilagarcía aos postos de promoción de ascenso.
Sen ausencias.
Logo da volta aos terreos de xogo de Ube e Diego Rey, Yago Iglesias recupera para este partido a Sergio, que estivo fóra dos terreos de xogo nas dúas últimas xornadas por lesión. Ademais, hai que engadir que non hai tampouco baixas por sanción e só se conta con Cardeñosa no capítulo de apercibidos unha semana máis.
Horario xa habitual.
Como xa empeza a ser habitual, San Lázaro acollerá un novo encontro un domingo ás 17 horas. Unha cita moi importante e para a que se agarda unha nova boa entrada no teatro dos soños branquiazul, como xa pasou nas últimas datas do campionato chegando a superar os mil seareiros nas bancadas.
As entradas para o partido terán un prezo de 10 euros para maiores de 18 anos, 5 euros para xente de entre 13 e 17 anos e de balde para menores de 12 anos. Quen por contra non poida ir ao partido, poderá seguirse a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ou ben no perfil oficial do clube en Twitter. Ademais, poderá escoitarse en directo a través da 'Esedé Radio', na web oficial do Compos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario