Fútbol e infartos

O Compos gañou en Carballo nun partido con emoción ata o final. Un gran partido dos nosos, sobre todo en defensa, nun dos campos máis complicados da categoría, onde non só ninguén marcara ata o de agora senón que, ademais, é a primeira vez que sae un punto das Eiroas. Unha vitoria moi traballada por parte dos homes de Yago Iglesias e segundo triunfo consecutivo para volver aos postos de promoción de ascenso. 


Tiña que haber un primeiro. 
O Bergantiños non perdía na casa dende o pasado ano 2016. Ademais, non deixaban saír puntos da Eiroas dende o pasado curso. Iso ata que apareceu un Compos con malas intencións. Coa segunda vitoria consecutiva na mente, na que era a segunda saída consecutiva. E cun gran traballo dende o arrinque, malia a actuación arbitral, chegou ese gran premio. 
Diante dun dos mellores equipos da categoría, o Compos repetiu a defensa que tan boas sensacións deixou ante o Barbadás. Catro atrás que, liderados por David Uña, tiveron un gran traballo dende o comezo, no que non tardou en ver un cartón o central madrileño. Non obstante, tampouco tardou en chegar o gol branquiazul, o único tanto do xogo. 
Nas últimas xornadas o Compos está a amosar unha mellora a balón parado e ante o Bergantiños non foi menos. Dez minutos de partido, saque dende a esquina que pon Samu na área e gol en propia porta dun xogador local. Un tanto moi importante e que se mantivo no luminoso ata o final. 

Moitos cartóns.
Se hai algo que se repetiu durante todo o encontro foron as interrupcións por faltas. Sen un dono claro, o partido volveuse tolo con intentos de contras rápidas que se cortaron por parte dos dous equipos con faltas, castigadas con ata seis cartóns durante os primeiros corenta e cinco minutos, co último a Cardeñosa xa no tempo de lecer. 
E a eses seis cartóns amarelos hai que engadir tres máis nun segundo tempo no que o Compos foi de máis a menos limitándose a defenderse das acometidas locais, lideradas en gran parte polo ex branquiazul Nacho dende a súa entrada ao terreo de xogo. 

Os porteiros, protagonistas. 
Sen dúbida, se hai algo que salientar do encontro foi o bo traballo dos porteiros dos dous equipos durante o segundo tempo. Ámbalas dúas escadras, co Compos case desaparecido en ataque nos minutos finais, probaron aos gardamallas con boas aturadas evitando máis goles e mandando os tres puntos, moi importantes, cara Santiago. 
Entre as mellores ocasións nas filas visitantes, cabe salientar a Nacho. O dianteiro santiagués non foi quen de bater a Lorenzo nas mellores ocasións dos segundos corenta e cinco minutos mentres que, nas filas do Compos, a mellor oportunidade chegou na testa de Cardeñosa de novo a balón parado. 

Tres puntos de ouro e a pensar xa no Cultural Areas. Outro partido moi complicado na volta do equipo a San Lázaro logo de tres semanas para achegarse un pouco máis, ou polo menos manter a distancia, a un Silva intratable dende a segunda xornada do campionato. 

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, Cardeñosa, Uña, Mon; Casas, Samu; Róber, Ares (Sergio, min. 94), Rubén (Primo, min. 74); e Santi (Sobrido, min. 62).
CARTÓNS: Amarelos para Uña, Mon, Cardeñosa, Samu e Róber.
GOLES: 0-1 10'.
CAMPO: As Eiroas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario