Festa entre grandes

A primeira xornada entre semana desta tempada trae un gran enfrontamento entre dous dos favoritos para facerse con algún dos postos de promoción de ascenso. Un gran partido, difícil, entre Somozas e Compos nun Alcalde Manuel Candocia onde nunca perderon os nosos en partido de Liga, e onde non gañan dende hai nove anos. 
Un enfrontamento, o deste xoves, onde os dous equipos buscarán aumentar unha xeira de resultados que non coñecen, no mellor dos casos, dende a pasada tempada. Ademais, atópanse un Compos no seu mellor momento logo de tres vitorias consecutivas e un Somozas que encadeou dúas vitorias consecutivas por segunda vez nesta tempada. 


Só pensan en volver. 
O Somozas é, xunto co Boiro, un dos recén descendidos que loitan por volver á Segunda B este mesmo curso. Un equipo forte, moi ben reforzado no mercado de verán para este novo curso nunha categoría diferente, e que parece que comeza a funcionar como se esperaba con dous triunfos consecutivos. 
O equipo da Ferrolterra comezou a tempada dando medo, amosando esa superioridade que tiñan sobre o papel dende o verán, mais a visita do Silva ao Alcalde Manuel Candocia foi un cambio no camiño dos somocenses, que pasaron catro xornadas sen coñecer a vitoria perdendo postos na clasificación. Agora, suman dúas vitorias consecutivas máis e chegan a esta oitava xornada do campionato na sexta posición, a un punto do cuarto clasificado, a dous do terceiro e a catro dun Compos só superado na táboa por un Silva intratable. 
Na casa, o Somozas suma dúas vitorias importantes, ante Arenteiro e Boiro; un empate contra o Laracha e outra derrota ante o Silva. Catro partidos nos que sempre houbo goles e nos que quedou claro que quen marque se fai con algún punto. Dez goles dos locais e cinco dos visitantes, estes en 180 minutos, para un inicio de tempada un tanto irregular. 
A nivel individual contan cun bo número de xogadores que poderían ser importantes en calquera equipo da categoría. Comezando por Gerardo, que o ano pasado marcou 18 goles coa camisola do Racing Vilalbés, e que comparte o primeiro posto na táboa de goleadores do equipo con Alex, tamén ex do equipo lugués, aos que engadir ao ex do Arousa Fran Monroy ou ben ao ex do Compos Jacobo Millán.

Un de catro.
O Compos visitou, en Liga, o Alcalde Manuel Candocia ata en catro ocasións nos nove últimos anos. Catro precedentes que non remataron de mal xeito para os nosos cunha vitoria e tres empates. Cinco goles ao noso favor e só un en contra con dous xogos sen goles. 
En 2008, hai xa case nove anos, o Compos traía cara Santiago os tres puntos, que o ascendían ao terceiro posto da clasificación, logo dunha goleada importante. Catro goles, de Louzao en propia porta, Jimmy, Kinho e Centrón, foron máis que suficientes para asinar a que, polo de agora, é a única vitoria branquiazul en Pardiñas. 
Catro anos despois, Martín fixo o gol da Esedé e Pablo Berros, a cinco minutos do final, asinou o empate no último enfrontamento nas Somozas con goles. Despois, dous empates sen goles na Segunda B, en 2015 e 2016.

Tres ou catro? 
Os dous equipos chegan coa opción de aumentar unhas xeiras que non coñecen dende, polo menos, o ano pasado. De feito, o Somozas ten na súa man a oportunidade de sumar unha cantidade de vitorias consecutivas que non coñece dende o pasado 2015.
Por segunda vez nesta tempada, o Compos suma tres tempadas e conta coa oportunidade de conseguir unha cuarta, algo que non pasa dende a tempada 2016/17, máis concretamente dende o mes de xaneiro deste mesmo ano. Ademais, chégase logo de dúas vitorias seguidas a domicilio, demostrando que non hai problemas para gañar lonxe da casa coma en anos anteriores.
Pola súa parte, o Somozas conseguiu os tres puntos ante o Boiro, nun partido con dous expulsións nos visitantes e un gol en propia porta, e o Barbadás, que a piques estivo de dar un susto. Este xoves poden asinar o terceiro triunfo consecutivo tamén dende xaneiro pero, nesta ocasión, do 2015 cando superaron a Sporting B, Avilés e Burgos na súa primeira campaña na categoría de bronce. 

No bo camiño. 
Esta semana con ata tres xornadas en oito días comezou o pasado domingo coas vitorias tanto de Compos coma de Somozas. Dúas vitorias con minutos de problemas para ámbolos dous conxuntos pero con finais felices para os protagonistas deste xogo. 
O Compos comezou ante o Cultural Areas con tres goles en menos de vinte minutos. Un arrinque inmellorable que trouxo consigo unha relaxación que puido saír moi cara aos nosos. O equipo pontevedrés non só foi quen de anotar senón que recortou diferenzas ata poñerse a un gol de distancia e, incluso, contar con oportunidades para empatar. Por sorte, apareceu Sobrido no engadido para pechar a goleada branquiazul. 
Nos Carrís, guión semellante no Barbadás-Somozas. Os goles de Alex e Sylas parecían suficientes a vinte minutos para o final mais o conxunto ourensán non quixo darse por perdido. Un gol de Caique mantivo con vida aos locais e meteu algo de medo aos somocenses, que tiveron máis problemas do esperado para facerse cos tres puntos nos intres finais.

Por fin boas novas.
Para este partido, Yago Iglesias recupera a dúas pezas moi importantes. Ube e Primo entran na convocatoria logo de recuperarse dos seus problemas. Pola contra, non estarán Diego Rey, aínda non ao cen por cen, nin Uña. O central madrileño viu ante o Cultural Areas o quinto cartón amarelo da tempada e non poderá estar no Alcalde Manuel Candocia.
Por outro lado, Cardeñosa chega a esta cita con catro cartóns amarelos, a un de cumprir ciclo. O central, que será titular o xoves, non estaría ante o Barco en San Lázaro de ver un cartón.

Xoves de festa.
Esta tempada contaremos con ata tres partidos entre semana e agora chega o primeiro. O xoves, 12 de outubro, o Compos visitará ao Somozas no Alcalde Manuel Candocia. Un partido para o que as entradas terán un prezo de 10 euros. 
Por contra, quen non poida achegarse ao campo somocense poderá seguilo en directo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así coma no perfil oficial do clube en Twitter.

Ningún comentario:

Publicar un comentario