Novo mes e mal arrinque. No día de hoxe temos tres novos precedentes na historia recente da Esedé en categorías nacionais. Tres encontros entre a Primeira e a Segunda división e pleno de derrotas con dúas citas en San Lázaro e outra a domicilio. Tres malos resultados que, esperemos, rematen esta mesma tarde nas Eiroas.
1 de outubro de 1994.
Comezamos cun derbi galego na máxima categoría. O primeiro derbi galego da historia da Esedé na Primeira non puido rematar con peor resultado e é que, en San Lázaro, os tres puntos caeron do lado do Deportivo.
Mal partido do equipo dirixido por Castro Santos e formado por Iru, Tocornal, Bellido, Toño Castro, Galdames, Nacho, Lekumberri, Passi, Fabiano, Abadía e Christensen, aos que engadir a Villena e Moure entrando dende o banco de suplentes. Un encontro de gran rivalidade que chegou ao tempo de lecer co marcador inicial e que se decantou do lado coruñés en cinco malos minutos dos nosos.
Porque, se non era suficiente a lesión de Toño Castro no primeiro tempo, a cousa empeorou primeiro co gol de Bebeto, que deixaba tocados aos nosos, e, cinco minutos despois, a expulsión de Villena, que entrara ao campo polo antes nomeado, deixando sen case posibilidades de remontar ao Compos con vinte minutos por diante.
1 de outubro de 1995.
Mesmo resultado pero diferente escenario o que asinou o conxunto de Fernando Vázquez unha tempada despois en Zaragoza. O Compos non foi quen de puntuar ante o conxunto maño en La Romareda logo de ir máis de medio partido por debaixo no marcador.
Con Fernando Vázquez por primeira campaña no banco da Esedé e con Falagán, Bellido, Tocornal, Villena, Nacho, Abadía, Eraña, José Ramón, Lekumberri, Fabiano e Ohen no once titular e Virgilio, Christensen e Mauro no banco de suplentes; o xogo caeu do lado local grazas a un gol de Morientes algo antes da media hora. Un resultado curto pero suficiente para os aragoneses.
1 de outubro do 2000.
E rematamos con outra derrota tamén pola mínima. Volta a San Lázaro e terceira derrota consecutiva no primeiro curso do novo século na Segunda división. Un partido no que os de Ballesta non puideron contra un Córdoba que aproveitou cada balón para crear perigo.
Ballesta no banco e Rafa Gómez, Pinillos, Jubera, Chema, Biscay, Pignol, Jacobo Campos, Díaz, Fabiano, Pedro Aguado e Sion no once titular, aos que engadir a Gudelj, Juanito e Anxo. Ata un total de catorce xogadores que non puideron co conxunto cordobés, con xogadores coma Ruiz Otxoa que xogaría na Esedé anos despois. Pola súa parte, o Córdoba fixo o seu traballo no primeiro tempo, deixando a súa porta a cero, e fixo o único gol no arrinque da segunda por obra de Manolo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario