7 de setembro

Novo día e, con algo de sorte, mellores resultados ca onte. De feito, noutros cinco encontros, o Compos foi quen de puntuar ata en catro ocasións. A iso hai que engadir que se trata de citas nas tres máximas categorías do fútbol nacional onde salientar a vitoria dos nosos ante o Atlético de Madrid. Ademais, dous empates, unha vitoria máis e só unha derrota. 


7 de setembro de 1991.
Arrincamos co segundo partido da historia da Esedé na Segunda división. Primeira viaxe a terras canarias para visitar o Estadio Insular e conseguir o primeiro punto dun curso que rematou cunha salvación moi cómoda, a cinco puntos dos postos de promoción de ascenso e a once do descenso. Por contra, o Las Palmas perdería a categoría. 
Con Fernando Castro Santos no banco do Compos e un once formado por Antonio García, Víctor, Tono, Modesto, Bellido, Cea, Juan, Toni, Cortés, Pichi Lucas e Moure, aos que engadir logo a Callejo e Ramiro; o equipo non foi quen sequera de pasar do empate inicial aumentando a espera do primeiro gol branquiazul na categoría de praza unha semana máis. Un empate sen goles entre dous equipos que tomarían camiños moi diferentes.

7 de setembro de 1996.
Chegamos ao mellor do día. E é que hai 21 anos, case nada, o Compos superaba ao nese momento Campión de Liga e Copa, o Atlético de Madrid de Antic, Simeone e Kiko entre outros moitos grandes xogadores da historia do clube madrileño. Unha vitoria traballada, difícil e que supoñía o primeiro triunfo da Esedé na tempada logo da derrota importante ante o Tenerife. 
Visitaba San Lázaro un equipo nun mal arrinque de tempada logo de perder ante o Valencia na primeira xornada do campionato. Unha caída que chegou acompañada dunha segunda consecutiva en terras galegas. Unha derrota que venderon moi cara. De feito, o Compos puido adiantarse antes da media hora de xogo cun gol de Nacho e que igualaría, antes do tempo de lecer, Esnáider. 
O segundo tempo foi outra cousa. Nun partido que rematou con ata sete xogadores con cartón amarelo e un expulsado, Bejbl no Atlético no comezo da segunda parte, o Compos soubo meter unha marcha máis e adiantarse de novo grazas a un gol de Ohen. Unha vitoria que se confirmou nos instantes finais co terceiro, obra de Viedma.

7 de setembro de 1997.
Seguimos na Primeira división. Na última tempada da Esedé na máxima categoría do fútbol nacional, a primeira saída supuxo tamén o primeiro empate do curso nun encontro con emoción e moitos goles. No Estadio Romano de Mérida, ante o equipo local e con remontada incluida.
Fernando Vázquez no banco e Rafa Gómez, Mauro, Villena, Bellido, Nacho, Lekumberri, Fabiano, Chiba, Passi, Ohen e Manuel, aos que engadir a Viedma, Llorente e Changui; sobre o terreo de xogo. Un xogo que comezou con Manuel e Lekumberri anotando dous goles moi seguidos. Ademais, Ohen fixo o terceiro antes do tempo de lecer facendo crer que os tres puntos virían cara Santiago. Non obstante, Pirri Mori, Marcos e Jaime Molina conseguiron igualar o resultado na segunda parte anotando o terceiro a dez minutos para o final. 

7 de setembro de 2003.
Xa na Segunda B, nova vitoria dos nosos noutro partido difícil para os nosos e que rematou con vitoria pero a un alto prezo nun final onde o Mirandés puido facerse cun premio algo maior. 
O Compos de Pichi Lucas saltou ao terreo de xogo con Carlos, Otxoa, Castiñeiras, Gelo, Jesús Torres, Caínzos, Sagna, Rodri, Luigi, Bossa e Romerito no once titular e con Felipe, Anxo e Chico saíndo dende o banco e sendo estes dous últimos unhas pezas importantes. Anxo foi o autor do gol da vitoria a vinte minutos para o final mentres que Chico, logo de tres minutos sobre o terreo de xogo, foi o primeiro expulsado. Jesús Torres, escasos minutos despois, deixou ao equipo con nove logo de ver o segundo cartón amarelo. 

7 de setembro de 2013.
E rematamos co Compos de Fredi na Segunda B sumando unha das derrotas lonxe de San Lázaro que completaron un curso enteiro sen gañar a domicilio. Nesta ocasión, hai só catro anos, o equipo caía nun mal partido ante o Marino de Luanco, que fixo un bo segundo tempo con goles e sen dar opción aos nosos. Ademais, cabe lembrar que nese equipo estaba o, unha vez máis, porteiro da Esedé Lorenzo. 
Con Laureda, Varela, Catú, Castiñeiras, Jimmy, Yahvé, Peláez, Manu, Gonzalo, Joselu e Jordan no once titular e Jacobo, Pastor e Julen entrando dende o banco, o Compos non puido facer moito contra un Marino que buscou facer dano polas bandas e que se adiantou a tres minutos para o tempo de lecer. Menos tardaron en facer o segundo xa que non precisaron máis dun minuto para aumentar diferenzas. Unha diferenza que catro minutos despois recortou Joselu buscando manter con vida a un equipo que encaixou o terceiro e definitivo quince minutos despois. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario