O día de hoxe chega moi completo, con moitos precedentes pero con malos resultados dos nosos. E é que ao Compos non se lle dá ben xogar un 6 de setembro polo que din os resultados dos últimos anos. Cinco precedentes e, ollo, só unha vitoria á que engadir cinco derrotas con só dous goles a favor dos nosos e oito en contra. Unha data que semella ser negra para a Esedé.
6 de setembro de 1992.
Comezamos coa estrea da segunda tempada do Compos na Segunda división. Un campo complicado e un rival que non deixou opción aos nosos nun comezo dun curso onde o Betis quedou ás portas da promoción de ascenso rematando na quinta posición da táboa.
O equipo de Fernando Castro Santos, que non puntuou ata a cuarta xornada, non saiu ben parado da visita ao Benito Villamarín. O once formado por Carlos, Víctor, Tocornal, Bellido, Cea, Modesto, Nacho, Fabiano, Cortés, Maric e Moure, aos que sumar no segundo tempo a Caneda e Bodelón, non puido frear a un Betis que se adiantou cun gol de Gordillo e que aumentou diferenzas antes do tempo de lecer con outro tanto do actual adestrador do Deportivo Pepe Mel. A goleada completouna Kukleta a cinco minutos para o final do encontro.
6 de setembro de 1998.
Meses despois de consumar o descenso, o Compos volvía a unha dura Segunda división. E só catro días despois de visitar ao Universidad de Las Palmas, a Esedé visitaba o Estadio Romano de Mérida para enfrontarse, e superar, ao conxunto local. Sería a primeira vitoria das tres consecutivas que asinaría o conxunto santiagués.
O xa desaparecido CP Mérida mantivo unha semana máis a súa mala serie de resultados logo de perder ante Numancia na primeira xornada de liga e ante o San Sebastián de los Reyes na Copa do Rei. E iso pasou grazas a que o equipo de Maceda, formado por Rafa Gómez, Mauro, William Amaral, Villena, Tabuenka, Cabrejo, Lekumberri, Fabiano, Passi, Sion e Bastón, aos que engadir a Quiroga, Prieto e Popov, soubo aproveitar a mellor ocasión para, no 83, adiantarse grazas a un tanto obra do dianteiro de Surinam.
6 de setembro de 2009.
Novo século, diferente categoría e nova derrota. Segunda xornada na Segunda B e primeira derrota do curso, segunda se contamos a caída ante o Zamora na Copa do Rei dez días antes. Partido difícil ante un dos grandes da categoría, a Ponferradina, no Toralín no que sería un comezo dunha tempada moi dura que rematou con dous descensos nun mesmo verán.
O equipo de Baleato, formado por Pablo Castro, Chapi, Catú, Toño, Jimmy, Gonzalo, Centrón, Monti, Sestelo, Iván e Kelvin, aos que sumar no segundo tempo a Jesús Torres, Mariño e Adrián, non puido contra un conxunto que se adiantou no primeiro minuto da reanudación cun tanto de Vega e que puxo terra de por medio cun segundo de Víctor Salas. Non obstante, o Compos mantívose con vida grazas a un gol de Candela en propia porta. A vitoria pechouna Zamora cun novo gol a seis minutos para o final.
6 de setembro de 2014.
Seguimos na Segunda B. Hai xa tres anos, San Lázaro abría as súas portas para recibir ao Guijuelo. O equipo da provincia de Salamanca co ex do Compos Javi Moreno aínda nas súas filas, sumou tres puntos máis que non serviron para unha, por veces, merecida promoción de ascenso.
O equipo de Iñaki Alonso, ese adestrador que non deixou bo recordo por Santiago, saltou ao terreo de xogo cun once formado por Ramón, Josu, Catú, Alcañiz, Jimmy, Teles, Moreira, Marcos, Quim, Fondevila e Navarro, aos que sumar durante o segundo tempo a Manu, Jordan e Mensha. De feito, nun mal partido por parte dos dous equipos, foi Alcañiz o encargado de anotar o tanto visitante en propia porta na segunda metade grazas ao que se levaron unha vitoria moi importante.
6 de setembro de 2015.
Un ano despois, co mesmo intento de adestrador no banco branquiazul, o Compos sumaría a súa terceira derrota en catro xornadas ante o Izarra. E non só é que haxa que falar do mal arrinque dunha tempada para esquecer senón que ademais trátase da cuarta derrota nun día coma hoxe.
Con Pato, Varela, Josu, Sergio Sánchez, Catú, Jimmy, Javi Moreno, Marcos, Oliva, Orbegozo e Jordan, aos que sumar a Fondevila, Juanín e Chiño, o equipo branquiazul caeu en Merkatondoa pola mínima grazas a un único gol de Pito, suficiente para deixar os tres puntos na casa e mandar ao Compos de volta a Santiago co peto baleiro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario