O Compos chega a esta cuarta xornada na segunda posición da táboa. E non só iso senón que, ademais, é xunto con Bergantiños o único equipo que ata o de agora suma un pleno de vitorias. Un tres de tres que se podería aumentar esta fin de semana nun campo sempre difícil e ante un rival que non está a pasar polo seu mellor momento logo de conseguir só un punto dos nove xogados ata o de agora.
Aumenta o traballo.
Logo das dúas vitorias moi traballadas e complicadas ante Ribadumia e Silva, o Compos volverá ao traballo para enfrontarse a outro gran rival. A un deses equipos que, xunto ao Boiro, apuntaban a uns postos altos que cada fin de semana están máis lonxe. E é que o conxunto de Vilalba non sabe aínda o que é sumar os tres puntos neste novo curso onde o obxectivo era mellorar o feito un ano antes.
O Racing Vilalbés loita por noveno ano consecutivo na Terceira división, cuarto con Óscar Gilsanz ao mando. Con homes de calidade como Make, que volveu á súa casa logo dun ano en Santiago, Alex Pérez ou Sergio Arias entre outros nun equipo que mestura experiencia e xuventude con moita ambición.
En canto ao feito ata o de agora, o Racing Vilalbés perdeu nas súas dúas saídas, ante Bergantiños e Barbadás, pero puido sumar o seu único punto ante o Boiro na casa, nun partido entre dous equipos que non están a comezar ben a tempada e que, ademais, son os dous equipos que están a sorprender polos malos resultados.
Catro de catro?
A comezos deste mesmo ano, o Compos sumou ata catro vitorias consecutivas entre as xornadas 21 e 24 nun novo intento dos nosos de meterse nos postos altos da táboa. Ribadumia, Céltiga, Alondras e Castro non puideron ante un equipo que aproveitou un gran momento de xogadores coma Recoba ou Diego Rey, autores de 8 dos 12 goles marcados.
Outro dato a superar son tanto os goles anotados coma os encaixados. Entre o 15 de xaneiro e o 5 de febreiro, a Esedé fixo un total de 12 goles, unha media de 3 por partido. Por contra, Lucas encaixou só 4, un de media por xogo deixando a porta a cero ante o Ribadumia na que foi a primeira vitoria a domicilio do pasado curso e deste 2017.
Por outro lado, o Racing Vilalbés non suma catro xornadas consecutivas sen gañar dende tamén a pasada tempada. Entre decembro e xaneiro sumaron 3 empates e só 1 derrota, ante o Vilalonga no que foi a súa peor xeira de resultados. Un ano antes, 3 empates e 2 derrotas nun novo mal arrinque de tempada.
De todo.
Nas tres últimas visitas á Magdalena, contando liga e esta mesma pretempada, o Compos sumou os tres resultados posibles: unha vitoria, un empate e unha derrota. Unha vitoria que chegou este mesmo verán, hai cousa dun mes, grazas aos dous goles de Santi, que serviron para remontar un gol de Moreda. Xa en Liga, en Terceira, atopamos unha derrota no precedente oficial máis recente, no pasado mes de febreiro con goles de Rubén Gómez e Caballero para os locais. Por contra, alá polo ano 2013, foi de empate a un gol con tanto de Tachi para adiantar aos nosos.
Camiños moi distintos.
Se hai algo que salientar é o bo comezo do Compos. Pleno de vitorias, o equipo con máis goles a favor da categoría xunto co Bergantiños e, sobre todo, gran facilidade para repartirse os tantos. De feito, ata sete xogadores diferentes saben o que é marcar neste arrinque de campaña coa camisola da Esedé.
A mesma sorte non acompaña ao Racing Vilalbés. O equipo lugués non sumou de tres no que vai de campionato e só puido facer cun punto ante o Boiro na segunda xornada, na única ata o de agora xogada na Magdalena. Por contra, unha derrota importante ante un gran Bergantiños, que apunta ao primeiro posto, e outra, nesta ocasión pola mínima, ante o Barbadás a pasada fin de semana. Só dous goles a favor e sete en contra que non din nada bo deste novo Racing Vilalbés en horas baixas.
Nin máis nin menos.
Unha fin de semana máis, Yago Iglesias conta coas baixas de Diego Rey e Ube, ultimando o vigués a súa volta aos terreos de xogo. As memas baixas que dende o comezo do curso e ás que non hai que engadir, por sorte, ningún xogador por sanción. Tamén hai que engadir que neste caso, Primo podería caer da convocatoria nas vindeiras datas xa que o dianteiro cántabro suma tres cartóns amarelos noutras tantas xornadas.
Segunda vez.
Como xa pasou en agosto, A Magdalena abrirá as súas portas para acoller un partido do Racing Vilalbés ante a SD Compostela. Incluso poderiamos falar dunha terceira ocasión xa que houbo unha visita máis en febreiro, na tempada pasada. Para quen queira e poida achegarse ao campo da Terra Chá este domingo ás 18 horas, as entradas terán un prezo de 10 euros.
Por contra, quen non poida asistir poderá seguilo en directo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do Compos en Twitter.

Ningún comentario:
Publicar un comentario