Tres partidos e un gol. Hoxe, día no que o Compos recibe ao Laracha en San Lázaro, temos tres precedentes nas tres máximas categorías do fútbol nacional. Tres partidos que remataron con unha vitoria dos nosos e dous empates sen goles ante tres rivais de gran nivel: Celta, Betis e Atlético de Madrid B.
3 de setembro de 1995.
A estrea da segunda campaña da Esedé na Primeira división, que arrincou con tres vitorias nas catro primeiras xornadas, non puido ser mellor. Derbi galego ante o Celta en Balaídos, un campo onde non se conseguiran antes os tres puntos, e vitoria branquiazul pola mínima nun bo partido dos nosos.
O conxunto dirixido por Fernando Vázquez e formado por Falagán, Bellido, Tocornal, Nacho, Eraña, Fabiano, Passi, José Ramón, Lekumberri, Ohen e Christensen, aos que logo engadir a Abadía, Villena e Mauro, obtivo o seu primeiro punto grazas á expulsión de Merino no primeiro tempo, feito que complicou os plans ao equipo de Carlos Aimar. Por contra, o gol chegou xa no segundo tempo, a quince minutos para o final, por obra de Bellido.
3 de setembro do 2000.
Xa na Segunda división, o Compos recibía tal día coma hoxe ao Real Betis, adestrado por Fernando Vázquez. Estrea do equipo de Ballesta que deixou que desexar na única cita en San Lázaro nun 3 de setembro, nun curso que rematou cos nosos perdendo a categoría e co conxunto sevillano ascendendo a Primeira.
O Compos de Ballesta saltou ao terreo de xogo cun once formado por Rafa Gómez, Pinillos, Jubera, Chema, Biscay, Pignol, Nando, Fabiano, Díaz, Aguado e Gudelj, aos que logo engadir a Sion e Anxo. Un partido con pouco que salientar, con tantos trocos por equipo coma cartóns amarelos e, sobre todo, sen goles.
3 de setembro de 2003.
Primeira saída do equipo de Pichi Lucas logo de perder ante o Zamora na primeira xornada e primeiro punto do Compos ante o filial do Atlético de Madrid nun novo partido sen goles. Un empate que, por desgraza, non serviu para salvar unha mala campaña que rematou con descenso de categoría.
O equipo de Pichi Lucas, formado por Carlos, Ruiz Otxoa, Gelo, Jesús Torres, Castiñeiras, Fran Caínzos, Sagna, Luigi, Rodri, Bossa e Fidalgo e aos que engadir a Romerito, Anxo e Seoane, non puido co filial madrileño nun partido onde o máis salientable foi a expulsión de Fidalgo a vinte minutos para o final deixando cun home menos aos branquiazuis.

Ningún comentario:
Publicar un comentario