Tres de tres

O Compos segue sen coñecer máis que a vitoria neste arrinque de tempada ascendendo ao segundo posto da táboa nunha xornada onde se viviu máis dunha sorpresa. Triunfo moi complicado dos nosos ante un Laracha que defendeu con todo e puido incluso facerse cos tres puntos a base de contraataques efectivos.
O partido, que deixou que desexar, tivo de todo. Un total de tres goles, un máis anulado, ocasións perigosas nas dúas porterías, expulsións... de todo menos bo fútbol. De feito, ante un Laracha que non buscou facer moito máis que defenderse e buscar a portería con balóns en longo. Pero, sobre todo e mantendo o guión da semana pasada, houbo moitísima emoción sobre o verde de San Lázaro. 


Contra todos. 
O Laracha buscou dende o primeiro minuto de xogo evitar as chegadas sempre con perigo do que era, e é, o equipo con máis gol da categoría e que chegaba de facer catro goles en cada unha das dúas anteriores xornadas. Cunha defensa formada por once homes, cunha presión moi alta, conseguiron pechar ao Compos no seu propio campo e evitar que lle chegaran balóns a Primo, incapaz de recibir balóns en posición legal.
Moito fútbol no centro do campo, sen dono da pelota e faltas claras para evitar sustos nun comezo dubidoso que durou case media hora, cando chegou o primeiro gol da tarde. Pase de Mon, erro da defensa e aparece Alex Ares para, sen oposición, facer o primeiro na súa conta particular. Un gol importante no momento axeitado.
Porén, a ledicia durou moi pouco. Dous minutos despois, o Laracha aproveitou a súa mellor oportunidade e, logo dun erro defensivo, Ballesteros anotou o gol do empate. Un gol duro e que levou o partido a unha nova igualada con quince minutos por diante antes do tempo de lecer.

Difícil segundo tempo.
Logo de corenta e cinco minutos sen moito máis que contar que os dous goles, a segunda parte contou con algo máis de emoción e ocasións salientables. Ademais, o Laracha preferiu arrincar dende os vestiarios con máis intencións perdoando a primeira ocasión clara, a porta baleira, mandando a pelota por enriba da portería de Lucas. Un aviso que serviu para espertar aos nosos, que seguiron sen poder superar á zaga visitante, que buscou frear nesta ocasión aos nosos a base de faltas perigosas cargándose de cartóns. 
Cando mellor parecía estar o Laracha, cando máis cómodo se vía sobre o terreo de xogo, Yago meteu no campo a Tomás e, unha vez máis, o vigués mellorou o xogo branquiazul. Non obstante, non foi o ex do Pontevedra o encargado de anotar o tanto da vitoria senón Primo a pase de Uña logo dun córner. Sen dúbida, a mellor xogada dos nosos da primeira media hora do segundo tempo. 
Logo do segundo, o Laracha quedou sen ideas e iso buscou aproveitalo a Esedé con dúas ocasións moi seguidas que non puideron chegar a bo porto. Róber e Mon non puideron bater ao porteiro, que tivo unha moi boa tarde evitando tamén unha derrota maior. 

Final de infarto. 
Aínda que o Compos xa nos teña acostumados a finais con moito en xogo, ante o Laracha non foi menos. Os dez últimos minutos comezaron cun balón ao longueiro do Laracha, que buscou con insistencia o empate e, dous minutos despois, quedaron con dez pola expulsión de David García logo dunha entrada moi perigosa sobre Mon no medio do campo cando iniciaba a contra. 
As ocasións e as respostas non tardaron en chegar cos locais sendo donos das mellores oportunidades. A iso hai que engadir os dous trocos para perder tempo nos minutos finais e un novo gol, nesta ocasión anulado por fóra de xogo, xusto antes dun final que deixa ao Compos segundo na clasificación.

A vindeira fin de semana, con horario aínda por confirmar, visitaremos a un Racing Vilalbés que non coñece aínda o que é a vitoria con só un punto de nove posibles.

ALIÑACIÓN: Lucas; Sergio, Cardeñosa, Uña, Naveira; Casas, Mon; Róber, Alex Ares (Saro, min. 86), Rubén (Tomás, min. 55); e Primo (Santi, min. 89).
CARTÓNS: Amarelos para Alex Ares, Sergio, Cardeñosa e Primo.
GOLES: 1-0 28' Alex Ares, 1-1 31' Ballesteros, 2-1 65' Primo.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario