2 de setembro

Tres novas estreas de campionatos chegan neste segundo día de mes. Tres citas da Esedé que, a diferenza de onte, deixan mellores resultados. Lugo e Alavés B non foron quen de bater ao noso equipo tal día coma hoxe mentres que a visita a Las Palmas de Gran Canaria rematou con todo por decidirse días despois en San Lázaro, onde o Compos superaría ao conxunto universitario.


2 de setembro de 1990.
Unha tempada marcada polo ascenso á Segunda división, primeiro da historia branquiazul, comezou coa visita da Esedé ao Anxo Carro e un empate que non deixou a ningún dos dous conxuntos contentos. Un empate que, por outra parte, foi positivo para un Compos que comezou por debaixo no marcador.
O conxunto de Fernando Castro Santos, formado por Docobo, Víctor, Tono, Gelo, Cao, Cea, Salvador, Julio, Levi, Toñito e Moure, chegou ao tempo de lecer co resultado inicial ante un Lugo con experiencia na categoría e intencións de acadar o asexado ascenso á categoría de prata, que chegaría un curso despois. Non obstante, a segunda metade arrincou con algo máis de emoción grazas ao gol de Javi para os locais logo de entrar no tempo de lecer. Un gol ao que, por sorte, respondeu Julio só cinco minutos despois para poñer as táboas no luminoso de novo e asinar o resultado que logo sería definitivo.

2 de setembro de 1998.
Deixamos a Liga e comezamos coa Copa do Rei da tempada 1998/99, a primeira logo do descenso ante o Villarreal e marcada polo paso de ata catro adestradores polas filas branquiazuis. O rival, o xa desaparecido hai 6 anos Universidad de Las Palmas logo de empatar na primeira xornada de liga días atrás ante o Recreativo de Huelva en San Lázaro.
Nesta estrea na competición do KO, Maceda, adestrador as nove primeiras xornadas do campionato, buscou traer un bo resultado de terras canarias. Para iso, formou un once con Carlos, Mauro, Toño Castro, Bellido, Viedma, Cabrejo, Agirretxu, Popov, Quiroga, Lekumberri e Sion, aos que sumar durante o segundo tempo a Passi, Changui e Villena. O propio Viedma foi o encargado de anotar o gol branquiazul á media hora de xogo mentres que Ojeda, ante dez logo da expulsión Toño Castro no segundo tempo, anotou o gol do empate a once minutos para o final deixando todo por resolverse no encontro de volta.

2 de setembro de 2001.
E rematamos coa primeira xornada da Segunda B 2001/02 en San Lázaro. O Alavés B visitaba San Lázaro coa misión de conseguir tres puntos que, por sorte, quedaron na casa cunha pequena remontada incluida. Un bo encontro para inaugurar unha boa tempada con ascenso final.
O equipo de Luis Ángel Duque, que se estreaba en partido oficial no banco, formado por Rafa Gómez, Pinillos, Biscay, Chema, Castiñeiras, Pignol, Pedro Aguado, Rubén Estévez, Mino, Arquero e Juanito, aos que sumar tamén, Cotrofe, Tonet e Sergio Gómez, non puido comezar de mellor xeito. Só tres minutos bastaron para que Arquero superase a Juan Pablo por primeira vez. Un gol ao que rápido respostou o filial vasco cun tanto de Panadero para devolver a igualada ao marcador coa que se chegou ao final do primeiro tempo. Logo do paso polos vestiarios, non fixeron falta nin quince minutos para que Juanito e Arquero pecharan a vitoria con cinco minutos de diferenza entre un e outro tanto. Ademais, para manter a que parecer unha costume nestas primeiras datas, o equipo rematou cun home menos pola expulsión de Cotrofe a vinte minutos para o final por dobre amonestación logo de entrar quince minutos antes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario