E volvemos ás derrotas. Hoxe chegan dous precedentes con derrota na historia recente do noso equipo na Primeira e na Segunda división sen bos resultados. E é que os dous encontros non só remataron con derrota senón que, ademais, o Compos non fixo ningún gol.
29 de setembro de 1991.
Arrincamos cun encontro de hai 26 anos nada máis e nada menos. Hai algo máis dun cuarto de século, o conxunto branquiazul recibía en Santa Isabel ao Sabadell na Segunda división. Un partido que se decantou do lado catalán por un so gol e que rematou con vinte xogadores sobre o terreo de xogo.
O equipo de Castro Santos, formado por Docobo, Víctor, Tono, Modesto, Cea, Bellido, Juan, Núñez, Maric, Pichi Lucas e Moure, aos que engadir a Cortés e Juanito; non foi quen de impoñerse ao Sabadell, que anotou o único tanto do encontro aos dez minutos, obra de Roberto. Pero se iso non era suficiente, os dous equipos quedaron cun home menos coas expulsións de Víctor e Bossio, ámbolos dous no mesmo minuto.
29 de setembro de 1996.
E rematamos na Primeira división cun precedente cinco anos despois, xa na Primeira división. Unha derrota máis importante ante o Valencia nun xogo que non se definiu ata o final, logo dunha nova expulsión no equipo de Fernando Vázquez.
Un Valencia cheo de estrelas coma Zubizarreta, Karpin, Romario, Mendieta ou o 'Piojo' López e adestrados por Luis Aragonés visitaba San Lázaro para saír cos tres puntos. O equipo de Fernando Vázquez, formado por Fernando, Mauro, Bellido, Nacho, Pirri Mori, Fabiano, Passi, José Ramón, Lekumberri, Ohen e Penev, aos que engadir a Manuel, Eraña e William Amaral; conseguiron aguantar todo o primeiro tempo sen recibir ningún gol, algo que non se pode dicir do arrinque do segundo. Non obstante, a acción que cambiou o partido foi a expulsión de Fernando no 81, sen máis trocos na Esedé e obrigando a poñerse baixo paus a un xogador de campo. Nos dez minutos seguintes, Romario anotou dous tantos máis co que se pechou a vitoria valencianista.

Ningún comentario:
Publicar un comentario