O Compos afrontará este domingo a segunda saída consecutiva. Unha saída moi complicada a un campo onde non só ninguén gaña dende o pasado mes de novembro, hai dez meses, senón que ademais é un campo no que os nosos só gañaron nunha ocasión, alá polo ano 2012. Diante, un Bergantiños que loitará por recuperar o primeiro posto da clasificación, que lle arrebatou o Silva na pasada fin de semana.
Dous dos mellores equipos do campionato terán que verse as caras nesta sétima xornada nun encontro entre favoritos para rematar nos postos de promoción de ascenso. Dúas forzas semellantes que se medirán no campo carballés con goles asegurados.
Non son perfectos.
Dende o comezo do curso, o Bergantiños parecía un equipo case invencible, ata que pasou polo Couto e foi superado polo Ourense. Logo desa derrota na única xornada na que non viron portería, só quedaron unha semana máis sen sumar de tres, a pasada fin de semana en Negreira nun xogo con emoción ata o final.
Un dos equipos con máis goles ao seu favor, é xunto co Ourense o equipo menos goleado con tres tantos recibidos en seis xornadas. Ademais, trátase dun dos tres equipos que, ata o de agora, suman un pleno de vitorias na casa despois de superar a Racing Vilalbés, Boiro e Barbadás en tres citas nas que só encaixaron un gol, na goleada por 4-1 ao equipo lugués.
A nivel individual, o equipo mellorou máis aínda con respecto ao ano pasado. Se xa o pasado curso se trataba dun dos conxuntos máis fortes do grupo, nesta tempada non se quedan atrás sendo case o rival a superar. Con algún vello coñecido coma no caso de Borja Facal, fixéronse cos servizos este mesmo verán de homes coma Roberto Baleato e Pablo Antas procedentes do Somozas ou Rubén Rivera, recén chegado dende as filas do Boiro e xa máximo goleador do seu novo equipo con 4 goles nun seguro tanto no once coma de cara á porta rival.
Gol seguro.
Se hai algo que non faltará este domingo nas Eiroas será o gol. Os dous equipos chegan fortes e moi acertados de cara a porta. De feito, cada conxunto só suma un partido sen ver portería nestas seis primeiras datas do campionato polo que todo fai pensar que se verán goles no campo carballés.
Ao anterior dato hai que engadir que, historicamente, os catro enfrontamentos entre ámbalas dúas escadras remataron con goles en tres ocasións, con dúas vitorias locais e unha visitante, e un empate sen goles no único reparto de puntos ata o de agora. Un campo que se complica en Liga dende o ano 2012, no que Mariño e Cardelle en propia porta asinaron os dous goles branquiazuis e meteron os tres puntos no bus cara Santiago.
Case un ano sen perder.
Se hai algo que chama a atención do Bergantiños é que suman 10 meses exactos sen perder na súa casa en Liga e promoción de ascenso. Un longo tempo no que conseguiron nove vitorias e seis empates mellorando en canto a resultados neste arrinque do novo curso. Unha xeira á que engadir que na pasada tempada só perderon un xogo máis, ante o Céltiga na súa primeira aparición na casa. Uns datos que, sen dúbida, amosan os problemas que hai para facerse cun premio nas Eiroas para os equipos de fóra.
Chegan con problemas.
Os dous equipos chegan nun momento mellorable. O Compos, malia gañar en Barbadás, debe buscar non só os tres puntos esta fin de semana senón que ademais terá que loitar por recuperar o seu bo xogo co que superou as tres primeiras xornadas do campionato con pleno de vitorias achegándose ao máis alto da táboa.
Pola súa parte, o Bergantiños só convence na casa. De feito, cando saen de Carballo non son quen de conseguir os mesmos resultados. Como mostra hai que lembrar que só gañaron na súa primeira saída sumando unha derrota ante o Ourense e un empate en Negreira a pasada fin de semana con gol local no minuto 85, logo de ir por diante no resultado os homes de Moisés Pereiro.
Ultimando chegadas.
Aínda que se mateñen as tres ausencias no esquema branquiazul, Ube e Diego Rey xa están na última fase das súas respectivas recuperacións polo que poderían comezar a entrar nos plans de Yago Iglesias nas vindeiras semanas. Non obstante, ante o Bergantiños, o adestrador ribeirense manterá as baixas dos dous centrocampistas e deixa fóra tamén, por decisión técnica, a Alberto e Naveira.
Volta ao domingo.
Logo de ter que xogar un sábado, a xornada 7 xogarase ao completo o domingo. Ás 17:30 horas comezará nas Eiroas, no Polígono de Bertoa en Carballo, o Bergantiños-Compos para o que as entradas terán un prezo de 10 euros.
Quen non poida asistir ao partido poderá seguilo en directo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter. Ademais, poderase comentar en redes sociais co cancelo #BerganCompos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario