Esquezámonos das derrotas. Hoxe temos ata cinco precedentes de partidos xogados tal día coma hoxe nos dez últimos anos e, para variar un pouco, unha soa derrota. Dúas vitorias importantes, dous empates e unha derrota nun partido igualado na casa ante o Real Oviedo.
28 de setembro de 1997.
Na última tempada na Primeira división, o Compos visitaba tal día coma hoxe ao Real Zaragoza. Un encontro difícil en La Romareda que non serviu para rematar co mal arrinque de tempada, con só unha vitoria nas primeiras oito xornadas. Non obstante, o resultado en terras aragonesas deixou un bo sabor de boca.
O equipo de Fernando Vázquez formado por Rafa Gómez, Saula, Bellido, Nacho, Popov, Passi, Fabiano, José Ramón, Lekumberri, Manuel e Penev, aos que engadir a Ohen, Llorente e Chiba; non puido facer nada durante o primeiro tempo, mais si conseguiu adiantarse no arrinque do segundo cun gol de Bellido. Unha vitoria branquiazul que durou oito minutos, ata o gol de Aguado, e que se complicou dez máis tarde co segundo gol do xogador catalán. Pero, por sorte, apareceu Ohen nos intres finais do encontro para dar un punto á Esedé xa co tempo cumprido.
28 de setembro de 2001.
Entramos no novo século para, na Segunda B, recibir en San Lázaro ao Gernika vasco. Nun momento moi diferente de forma dos nosos, con seis vitorias nas nove primeiras xornadas, o equipo de Duque foi moi superior ao seu rival, con xogadores coma López Garai, ex do Celta, ou Gorka Iraizoz, que defendeu case a metade da súa carreira profesional a porta do Athletic e agora fai o propio no Girona sendo un dos grandes gardametas da Primeira división actual.
Por parte do Compos, con Duque no banco: Rafa Gómez, Biscay, Manu, Chema, Castiñeiras, Pignol, Tonet, Cotrofe, Pedro Aguado, Juanito e Mino, aos que sumar a Bossa, Rodri e Rubén Estévez. Un equipo que non tardou en adiantarse nin cinco minutos cun gol de Juanito. Logo, Tonet pecharía a goleada cun tanto antes do tempo de lecer e outro na segunda metade antes de ver un cartón vermello directo no engadido e deixar aos nosos con dez.
28 de setembro de 2002.
Volta á Segunda A e de novo en San Lázaro. Hai xa quince anos que pasou por San Lázaro o Oviedo de Marigil. Un partido que rematou con vitoria para o conxunto asturiano pola mínima cos dous equipos loitando ata o final por facerse con algo positivo.
O Compos de Duque, formado por Oliver, Pinillos, Chema, Adriano, Pignol, Álvaro Varela, Fabiano, Lima, Pedro Aguado, Juanito e Maikel, aos que engadir a Fidalgo e Sequeiros; non puido cun Real Oviedo que tivo que agardar ata o segundo tempo para marcar o gol co que sumar tres puntos moi importantes, tanto obra de Idiakez.
28 de setembro de 2003.
Terceiro ano seguido repetindo data pero non resultado. Hai catorce anos era o Toledo o que pasaba por San Lázaro para rematar cunha xeira de dúas derrotas consecutivas. Non obstante, o punto conseguido contra o equipo manchego tampouco foi suficiente para salvar o curso.
O equipo de Pichi Lucas, en problemas de xogo e resultados, saltou ao terreo de xogo cun once formado por Felipe, Mato, Castiñeiras, Jesús Torres, Chema, Caínzos, Luigi, Fidalgo, Sagna, Seoane e Anxo, aos que engadir a Bossa, Chico e Rodri. Un partido que chegou ao tempo de lecer sen goles pero que rápido, logo da reanudación, tivo modificacións co gol de Sagna para os nosos e de Jonathan Rey dous minutos despois dende os once metros para o Toledo.
28 de setembro de 2013.
E pechamos a entrada na Segunda B cunha goleada do equipo de Fredi sobre o Zamora. Partido importante en San Lázaro e obrigación de sumar de tres logo de conseguir só unha vitoria antes. E, por sorte, apareceu a mellor versión do conxunto branquiazul para golear ao equipo castelán.
Adrián Laureda, Jesús Varela, Catú, Taboada, Jimmy, Gonzalo, Jacobo, Peláez, Manu, Jordan e Joselu no once inicial e Julen, Borja e Castiñeiras saíndo dende o banco. Un once que non tardou en deixar bos resultados sobre o terreo de xogo con goles de Joselu e Jordan antes dos dez minutos. Dous tantos de diferenza que non aumentaron ata o segundo tempo, cando Joselu fixo o terceiro de penalti e Jimmy pechou a goleada.

Ningún comentario:
Publicar un comentario