Segunda A e Segunda B completan este mércores na historia recente do noso clube. De feito, arrincamos hai 25 anos coa última visita ata o momento do Figueres a Santiago e rematamos co Somozas na capital pasando pola Malata nun día con resultados para tódolos gustos.
27 de setembro de 1992.
Na Segunda división, Compos e Figueres se enfrontaban nun partido entre dous necesitados hai xa un cuarto de século. Naquela ocasión, última na que o equipo do norte de Girona visitaba Santa Isabel, rematou cos tres puntos para os nosos ante o colista. Foi, ademais, o primeiro triunfo dos nosos esa tempada.
Despois das derrotas ante Betis, Racing de Santander e Marbella, a Esedé recibía ao conxunto catalán na cuarta data do campionato. Un partido no que os de Castro Santos, once formado por Docobo, Tono, Modesto, Tocornal, Bellido, Juan, Nacho, Bodelón, Fabiano, Maric e Moure aos que engadir a Camilo e Ochoa entrando dende o banco; conseguiron o único gol aos oito minutos, obra de Fabiano dende os once metros.
27 de setembro de 2014.
Noutro arrinque de curso con dificultades para sumar de tres e visita á Malata nun partido difícil ante un duro rival en horas baixas e que chegaba cun dos mellores dianteiros da historia da Esedé nas súas filas por primeira vez.
Con Iñaki Alonso no banco visitante e Ramón, Josu, Portela, Alcañiz, Jimmy, Teles, Manu, Moreira, Iván Moya, Quim e Navarro no once e Fondevila, Jordan e Mensha saíndo dende o banco de suplentes; non foron quen de superar a Mackay mais si que puideron frear a Joselu e compañía nun partido sen goles e con seis cartóns amarelos para os nosos.
27 de setembro de 2015.
Un ano despois, outro equipo da Ferrolterra pasaba por San Lázaro. O Somozas visitaba o campo branquiazul para seguir afundindo na táboa aos nosos nun arrinque de tempada para esquecer. O resultado, por contra, non axudou a mellorar o curso.
O equipo de Iñaki Alonso, formado por Pato, Josu, Catú, Sergio, Jimmy, Marcos, Goti, Jordan, Orbegozo, Fondevila e Dani Hernández no once titular e Joaquín, Rubén Sánchez e Jesús Varela saíndo dende o banco de suplentes; non foi quen de superar ao conxunto de Stili. Ante un equipo sen gol, Antón De Vicente asinou o gol que daba os tres puntos aos seus cunha falta directa moi ben tirada e imposible para o gardamallas uruguaio.

Ningún comentario:
Publicar un comentario