A Segunda división marca este martes. Ata tres precedentes da historia recente dos nosos da década dos noventa con resultados non de todo positivos para o conxunto branquiazul e co Osasuna coma protagonista con ata dous enfrontamentos. Dous empates, un ante o conxunto navarro, e unha derrota en San Lázaro, o resumo máis rápido do que pasou en ata tres días coma hoxe.
26 de setembro de 1993.
Comezamos na tempada na que o Compos conseguiu o tan desexado coma merecido ascenso á máxima categoría do fútbol español. Hai 24 anos, o Real Betis visitaba Santa Isabel para medirse á Esedé nun partido entre grandes, que ademais conseguiron o ascenso ao final do curso co equipo andaluz rematando un posto por enriba dos nosos e subindo de xeito directo.
O equipo de Castro Santos, formado por Iru, Tocornal, Bellido, Cea, Goyo, Modesto, Bodelón, Abadía, Fabiano, Ohen e Moure, aos que engadir a José e Toni; non puido sequera superar no marcador a un Betis que quedou cun home menos sobre o terreo de xogo logo da expulsión de Ivanov a vinte minutos para o final. Non obstante, o equipo bético tampouco foi quen de poñerse por diante nin coas forzas de novo igualadas logo da expulsión de Tocornal.
26 de setembro de 1998.
Seis anos despois, a sorte tampouco acompañou aos nosos en San Lázaro ante o Osasuna. Un partido que tardou en poñerse de cara para o equipo navarro no marcador logo da superioridade sobre o terreo de xogo.
Con Maceda no banco e Rafa Gómez, Mauro, Coira, Bellido, Nacho, Chiba, Fabiano, Passi, Lekumberri, Sion e Prieto no once titular, aos que engadir aos substitutos Baston e Quiroga; o Compos non foi quen de superar a un dos grandes da categoría. Un Osasuna que ascendería un ano despois e que superaría á Esedé grazas aos goles de Alfredo e Ziganda. Ademais, a iso hai que engadir que os nosos remataron un home menos pola expulsión de Sion.
26 de setembro de 1999.
Un ano despois, nunha tempada na que un conseguiría o ascenso á Primeira división e na que o outro salvaría a categoría con sorte, nunha clasificación onde apareceron problemas fóra dos campos para certificar descensos sen ter en conta só a clasificación. Non obstante, no Sadar a sorte estaría máis do noso lado que a tempada anterior.
Xa con David Vidal no banco de suplentes e cun once formado por Ponk, William Amaral, Saula, Villena, Viedma, Nacho, Hoekstra, Díaz, Lekumberri, Gudelj e Changui, aos que engadir a Bellido, Mauricio e Salapasidis; o Compos foi quen de adiantarse no marcador grazas a un gol de Díaz antes de cumprirse os dez minutos de xogo. Non obstante, a ledicia durou máis ben pouco cun gol do 'Kuko' Ziganda dende os once metros. O mesmo tamén foi autor do segundo gol dos seus á media hora para remontar un partido que empatou de novo Gudelj, tamén de penalti, xa no segundo tempo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario