Entre os grandes vai hoxe a cousa. Aínda coa vitoria de onte na mente, temos hoxe tres precedentes do mellor momento da historia dos nosos, aínda que os resultados non acompañan tanto coma gustaría. Unha vitoria e dúas derrotas, unha delas importante, para pechar un domingo sen fútbol en San Lázaro.
24 de setembro de 1994.
Hai hoxe 23 anos, o Compos visitaba por primeira vez o Camp Nou. Unha visita para a historia do clube, que chegaba logo de dúas xornadas sen coñecer a derrota na súa estrea na Primeira división. Non obstante, a xeira positiva quedou aí, no campo onde o 'Dream Team' de Cruyff fixo o que quixo ante un equipo novo na máxima categoría do fútbol español.
O equipo de Castro Santos, formado por Iru, Bellido, Villena, Toño Castro, Galdames, Nacho, Lekumberri, Abadía, Fabiano, Passi e Christensen, aos que sumar a Víctor e José; foi quen de aguantar vinte minutos sobre o verde sen recibir goles e con vida ata a hora de partido.
Stoichkov abriu o marcador co único gol do primeiro tempo e encarrilou a vitoria co segundo algo antes de cumprirse a hora de xogo, xa na segunda parte. Hagi pechou a goleada con dous goles máis nos quince últimos minutos ante un Compos superado.
24 de setembro de 1995.
Xusto un ano despois, o Compos de Fernando Vázquez abría as portas para recibir ao Mérida na única vitoria conseguida un día coma hoxe. Un partido que non pasará á historia polo seu resultado, malia ser a cuarta xornada consecutiva sen coñecer a derrota, nin polo bo xogo sobre o campo.
O equipo de Fernando Vázquez, formado por Falagán, Bellido, Villena, Nacho, José Ramón, Abadía, Fabiano, Lekumberri, Passi, Christensen e Ohen, aos que sumar a Tocornal, Virgilio e Mauro; puido adiantarse aos quince minutos grazas a un gol de Christensen e nese momento, co único tanto do partido, remataron as boas novas. Fabiano mancouse á media hora de partido e no treito final quedaron os dous equipos con dez polas expulsións de Passi e Prieto.
24 de setembro de 1998.
Volta á Segunda división e volta á Copa do Rei. Na primeira rolda, o Compos superou ao Universidad de Las Palmas e na segunda houbo que enfrontarse á UD Las Palmas. Unha eliminatoria que non tardou en case sentenciar o equipo canario na casa, no Estadio Insular.
A Esedé, dirixida por Maceda e cun once formado por Ponk, Coira, Villena, Toño Castro, Cabrejo, Viedma, Agirretxu, Popov, Lekumberri, Chiba e Bastón, aos que engadir a Mauricio, Bellido e Vilariño saíndo dende o banco de suplentes; non puido co Las Palmas de Castellano, que se adiantou aínda no primeiro tempo cun gol de Alex Castro. Na segunda parte, Neira fixo o segundo que, logo de noventa minutos en San Lázaro, sería definitivo para darlle o pase á seguinte rolda ao conxunto canario.

Ningún comentario:
Publicar un comentario