O Compos sumou tres puntos de ouro este sábado no primeiro partido da sexta xornada de liga. Unha importante vitoria nos Carrís, campo onde segue a sumar só de tres en tres, contra un bo Barbadás. Partido con opcións para os dous equipos pero no que o balón parado foi determinante para decantar a balanza do lado branquiazul. Ademais, hai que destacar que o Compos chegaba sendo o último equipo que gañou alí o ano pasado... e marcha sendo o primeiro que o fixo neste novo curso.
Partido contra un rival que só sumaba vitorias ante a súa afección e que se atopou a unha Esedé que, con traballo, conseguiu un bo gol, obra do sempre perigoso David Uña. O central puxo a camisola de goleador e a balón parado fixo un tanto que acaba cunha xeira de dúas derrotas consecutivas a oito días de visitar ao Bergantiños nun partido nas alturas.
Igualdade.
Os dous equipos saltaron ao terreo de xogo buscando non cometer ningún erro en defensa. Corenta e cinco minutos de medo por parte das dúas escadras e, sobre todo, moi poucas chegadas de perigo á porta contraria cos nosos autores da primeira opción de adiantarse do encontro. Non obstante, chegouse ao tempo de lecer cunha chegada do Barbadás que saiu por un lado da portería defendida unha semana máis por Lorenzo.
Entre o medo, pódese falar de escasa superioridade branquiazul en campo propio e nas inmediacións do centro do terreo de xogo, sen conseguir chegar co balón á área ourensá. Cabe destacar tamén que na defensa de Yago Iglesias houbo dúas novidades importantes e que deron seguridade atrás: Saro e Mon por Sergio e Naveira.
Un paso adiante.
Logo do paso por vestiarios, o Compos deu un paso adiante. Un paso que non tardou en facerse ver coa ocasión máis perigosa do equipo: un disparo de Rober ao longueiro. A ocasión do ex do Choco non foi máis que a primeira dun cuarto de hora no que os nosos puideron adiantarse ata en tres ocasións xa que Casas fixo traballar ao gardamallas cun disparo dende dentro da área e Samu buscou sorte dende lonxe cun disparo que non sorprendeu a todos por moi pouco.
Tres perdoadas pero non catro. Aos vinte minutos de xogo, unha falta lateral non puido rematar de mellor xeito. Samu pon a pelota na área e David Uña non perdoa coa cabeza. Un gran gol do central madrileño, sempre perigoso nas xogadas a balón parado grazas ao seu poderío físico.
A vitoria da Esedé non pasou por riscos en ningún momento ante un Barbadás incapaz de superar a barreira defensiva grazas, tamén, ao bo traballo dos nosos atrás. A iso hai que engadir que Santi tivo a ocasión de facer o segundo no treito final do xogo nun partido decantado a balón parado.
Esta noite, o Compos durmirá igualado a puntos cos dous primeiros clasificados, que contan cun partido menos, e o luns comezará a preparar o encontro importante ante o Bergantiños que significará a segunda saída consecutiva dos nosos.
ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, Cardeñosa, Uña, Mon; Casas, Samu; Róber (Sergio, min. 88), Alex Ares (Alberto, min. 82), Rubén (Sobrido, min. 72); e Santi.
CARTÓNS: Amarelos para Uña e Mon.
GOLES: 0-1 63' Uña.
CAMPO: Os Carrís.

Ningún comentario:
Publicar un comentario