23 de setembro

Sábado e día de Compos. De feito, o desta tarde nos Carrís será o sexto partido da historia recente da Esedé nun día coma hoxe. Os cinco anteriores, con resultados moi diferentes, ante rivais importantes dende a Primeira ata a Segunda división B. Cómpre salientar, sobre todo, unha das vitorias nun 22 de setembro.


23 de setembro de 1990.
Aínda na Segunda B, arrincamos cun encontro en terras ovetenses ante o filial do conxunto asturiano, o Oviedo Vetusta. Unha visita a El Requexón que rematou coa terceira vitoria consecutiva dos nosos nun comezo de tempada que rematou co primeiro ascenso á Segunda división. 
O equipo de Castro Santos, formado por Docobo, Víctor, Cao, Tono, Cea, Juan, Salvador, Ochoa, Julio, Toñito e Moure, aos que engadir a Mella e Gelo entrando dende o banco; non tardou en adiantarse grazas a un gol de Moure. E, por sorte, o segundo tampouco se fixo esperar, obra de Víctor. 
O segundo tempo arrincou co gol do filial do Oviedo para recortar diferenzas mais Mella, que entrou minutos antes pechou a vitoria co terceiro a cinco minutos para o final. 

23 de setembro de 1996.
O único precedente do día na Primeira división non pode ser mellor. Ante o Sevilla de Camacho e no Ramón Sánchez Pizjuán, os homes de Fernando Vázquez conseguiron unha vitoria traballada, axustada e difícil de esquecer. 
O equipo branquiazul saltou ao terreo de xogo cun once formado por Fernando, Mauro, Bellido, Nacho, José Ramón, Pirri Mori, Eraña, Fabiano, Passi, Lekumberri e Ohen, aos que engadir a William Amaral, Llorente e Manuel entrando dende o banco de suplentes. Un partido, como era de esperar, difícil para os nosos nun dos grandes campos da Liga, e que rematou con vitoria branquiazul grazas a un gol de Ohen á hora de partido. 

23 de setembro do 2000.
Segunda tempada da Esedé na categoría de prata e encontro ante un dos grandes da categoría. O Compos visitaba tal día coma hoxe tamén o Vicente Calderón na que é a primeira derrota da que podemos falar. 
Con Ballesta no banco e un once formado por Oliver, Pinillos, Jubera, Bellido, Chema, Pignol, Jacobo Campos, Díaz, Fabiano, Pedro Aguado e Sion, aos que sumar a Ohen, Rodri e Gudelj entrando como suplentes; o Compos non puido cun Atlético de Madrid que atopou en Salva Ballesta, que non puido facer nada catro anos antes nas filas do Sevilla, ao goleador do encontro e autor dos dous tantos madrileños. 

23 de setembro de 2001.
E non podía faltar un derbi... Na Segunda B un ano despois de visitar ao Atlético de Madrid, os nosos non podían tampouco facerse cos tres puntos en Pasarón nun longo partido, que chegou case aos 100 minutos, e con dúas expulsións na defensa branquiazul. 
Con Duque no posto de adestrador e un equipo formado por Rafa Gómez, Pinillos, Biscay, Adriano, Castiñeiras, Pignol, Pedro Aguado, Cotrofe, Arquero, Juanito e Sergio Gómez aos que sumar a Tonet, Mino e Rubén Estévez dende o banco, Compos e Pontevedra non foron quen de pasar do empate sen goles nun partido marcado polas expulsións de Adriano e Pinillos, os dous por dobre amonestación xa no engadido. 

23 de setembro de 2009.
E contra o mesmo rival, o Pontevedra, o Compos sumaba oito anos despois unha nova derrota nun arrinque con once xornadas consecutivas sen coñecer a vitoria. Unha derrota dos homes de Baleato sen moitas opcións de que facer algo mellor. 
O once formado por Pablo Castro, Jesús Torres, Catú, Toño, Rego, Jimmy, Gonzalo, Mariño, Monti, Sestelo e Iván, aos que sumar a Centrón, Cholo e Rubén Márquez; non puido arrincar con moi bo pé cun penalti de Jesús Torres que logo materializou Gerardo co primeiro do encontro. Tampouco tardou moito máis en chegar o segundo, obra de Santi Villa. Non obstante, antes do tempo de lecer chegou o gol dos nosos, obra de Castaño en propia porta. 
Durante o segundo tempo, cos nosos aínda con vida, Gerardo tardou corenta minutos para pechar a vitoria granate, importante para rematar entre os catro primeiros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario