Un día antes do importante partido que xogará o Compos nos Carrís ante o Barbadás, chega un único precedente na historia recente da Esedé. Un partido que, ademais, xogouse fai hoxe 26 anos, na primeira tempada branquiazul na Segunda división. Foi, ademais, a primeira vitoria dos nosos na categoría de prata.
22 de setembro de 1991.
Tal día coma hoxe, o Compos visitaba terras xerundenses para enfrontarse ao Palamós CF por primeira vez, enfrontamento que se repetiu durante as dúas seguintes tempadas. Un partido que sempre pasará á historia do noso clube xa que se trata da primeira vez que a Esedé sumou de tres na categoría de prata. Un gran triunfo nun moi bo partido dos nosos.
O equipo de Castro Santos, formado por Docobo, Víctor, Tono, Modesto, Cea, Bellido, Juan, Cortés, Toni, Pichi Lucas e Moure, aos que engadir a Maric e Núñez; saltou ao terreo de xogo coa intención de sumar a primeira vitoria do curso. Un partido que se complicou pero que decantou Pichi Lucas cun gol antes do tempo de lecer.
Logo do paso por vestiarios, o dianteiro aumentou diferenzas despois de vinte minutos e Maric, que entrou xusto despois do segundo gol, pechou a goleada a dez minutos para o final. Un triunfo cómodo e que non se debería esquecer.

Ningún comentario:
Publicar un comentario