Entrando xa case no outono e deixando atrás o verán na capital, temos tres novos precedentes na historia recente do noso equipo que lembrar. Tres encontros onde os bos resultados non chegaron a 'Casa Compos' en dúas saídas, ámbalas dúas remataron en empate, e un partido en San Lázaro sen un bo resultado.
21 de setembro de 2002.
Arrincamos cunha cita de hai xa 15 anos. Na segunda tempada da Esedé na Segunda división, o Compos tivo que enfrontarse tal día coma hoxe á UD Las Palmas en terras canarias. Un partido que non será recordado polo resultado nin polos seus goles, un por bando, senón máis ben por ser unha nova cita na que o noso equipo non conseguía sumar de tres.
Logo de dous empates consecutivos en Liga, nun arrinque pésimo da Esedé con catro empates e tres derrotas nas sete primeiras datas, Duque buscou rachar esa mala xeira cun once formado por Oliver, Pinillos, Adriano, Chema, Pignol, Fabiano, Álvaro Varela, Lima, Fidalgo, Juanito e Maikel, aos que sumar a Pedro Aguado, Corredoira e Sequeiros entrando dende o banco no segundo tempo. Un partido marcado por, de novo, un bo número de cartóns amarelos para xogadores branquiazuis, e por unha nova remontada sufrida.
No primeiro tempo, superada a media hora, chegou o primeiro tanto obra de Maikel para os nosos. Un resultado co que se chegou ao tempo de lecer pero que non durou máis de dez minutos na segunda metade. Rubén Castro, ex xogador do Betis entre outros, igualou o encontro co gol local.
21 de setembro de 2003.
Menos sorte houbo un ano despois en San Lázaro ante o Talavera. Xa na Segunda B, era o momento de recibir ao Talavera. Xornada 5 da competición á que se chegaba con 4 puntos de 12 posibles e que non foi máis que outro novo pau ao equipo de Pichi Lucas.
Felipe, Ruiz Otxoa, Castiñeiras, Jesús Torres, Chema, Caínzos, Sagna, Luigi, Fidalgo, Anxo e Seoane, aos que engadir a Chico, Rodri e Mato entrando dende o banco, non foron quen de evitar a remontada do equipo manchego. Iso malia adiantarse a Esedé antes dos quince minutos de xogo grazas a un gol de Fidalgo, que rápido igualou Ramón co seu primeiro tanto da tarde. O mesmo Ramón, de feito, só precisou once minutos para non só darlle a volta ao marcador senón deixar encamiñada a vitoria dos seus con tres goles nunha gran actuación do balear.
21 de setembro de 2013.
Dez anos despois tampouco puido chegar unha vitoria da Esedé. Nunha tempada para a historia na Segunda B, na que se conseguiu a salvación malia non gañar ningún partido a domicilio, a visita ao Guijuelo serviu para puntuar por primeira vez na tempada fóra de San Lázaro.
A cita, para a que Fredi saiu cun once formado por Laureda, Jesús Varela, Catú, Castiñeiras, Jimmy, Alustiza, Peláez, Manu, Gonzalo, Joselu e Jordan, aos que engadir logo a Jacobo, Pastor e Germán; comezou co noso equipo durmido encaixando un gol superados os cinco minutos, obra de Jonathan. Ese tanto serviu, sobre todo, para espertar aos nosos e que non tardasen en ir na busca do gol, que chegou dez minutos máis tarde da man, ou máis ben do cañón que ten na perna Manu Rodríguez. Un empate que non se moveu, en gran parte, grazas á falta de puntería dos nosos ante o gardamallas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario