1 de setembro

Logo dun par de meses, volve a sección ao blog na que lembramos vellas vitorias, entre empates e derrotas, da historia recente da Esedé. E hoxe, 1 de setembro, comezamos o novo mes con tres encontros do equipo entre a Primeira e a Segunda división. Tres citas nas que non podemos celebrar ningunha vitoria dos nosos logo de dúas derrotas, unha sendo a máis abultada na máxima categoría, e un empate.


1 de setembro de 1991.
Chegaba o Compos á Segunda división por primeira vez na súa historia. Santa Isabel abría as súas portas para acoller un enfrontamento importante e histórico ante o Clube Deportivo Castellón, equipo que finalmente acabaría por debaixo da Esedé na clasificación e moi preto dos postos de descenso. Unha estrea que non rematou do xeito máis desexado.
O Compos de Fernando Castro Santos chegaba á categoría de prata coa misión de superar na primeira xornada do campionato a un recén descendido de entre os grandes. Mais o equipo formado por Antonio García, Víctor, Tono, Modesto, Bellido, Juan, Ochoa, Toni, Cortés, Pichi Lucas e Moure, reforzado no segundo tempo coas entradas de Ramiro e Juanito, non foi quen de dar a sorpresa. 
No primeiro tempo, Mladenovic fixo o primeiro gol para os seus dende os once metros, resultado co que se chegaría ao tempo de lecer. Xa na segunda metade e con tempo suficiente para ter empatado o encontro os nosos, o Castellón anotou o segundo e definitivo, obra de Punisic, con só nove minutos por diante ata o final. Unha estrea que deixou moito que desexar a un equipo que rematou na zona alta da táboa.

1 de setembro de 1996.
Chegamos a unha data negra na historia da Esedé. O Compos visitaba as Illas Canarias tal día coma hoxe para abrir a Liga 1996/97 na Primeira división cunha goleada difícil de esquecer. E é que no Heliodoro Rodríguez López xogouse un deses partidos que paga a pena facerse mirar. Porque non só son os seis goles encaixados, que iso pode pasar nunha moi mala tarde, senón que, ademais, o Compos rematou con oito xogadores e o Tenerife con dez.
Arrincaba a Liga 96/97 e ao Compos tocáballe facer a visita máis longa do curso. Máis de dous mil kilómetros en avión para visitar a un equipo que nesa mesma tempada, con Jupp Heynckes no banco, xogaría competicións europeas alcanzando as semifinais da Copa da UEFA nas que perdería ante o Schalke 04 alemán. 
Fernando Vázquez decidiu comezar o curso cun once formado por Falagán, Mauro, Galdames, Bellido, Saula, Nacho, Lekumberri, Fabiano, Passi, Manuel e Penev e os goles non tardaron en chegar. De feito, antes dos vinte minutos de xogo, o triunfo do Tenerife estaba case confirmado cos goles de Jokanovic, que ademais foi o primeiro expulsado por dobre amonestación antes da media hora de xogo, e Pinilla aos que engadir un terceiro antes do tempo de lecer, obra de Francisco Rojas. 
Ata aí, todo máis ou menos dentro do normal. Comezou a segunda metade e o cuarto, de Chano, chegou aos vinte minutos, cinco antes da loucura. E dicimos loucura porque non é moi doado de entender sen ver as imaxes de novo que o colexiado, Japón Sevilla, expulse a Mauro e Passi con dous cartóns vermellos directos en cousa de dous minutos. 
Dez contra nove e o Tenerife pechou a goleada con goles de Neuville e Juanele con algo máis de cinco minutos máis por xogarse, tempo suficiente para que Lekumberri tivera que ir directo á caseta logo de ver o segundo cartón amarelo. Terceira expulsión e problemas para Fernando Vázquez de cara á seguinte xornada.

1 de setembro de 2002.
Volvemos á Segunda división e de novo ante o Tenerife. Nesta ocasión, en San Lázaro, non houbo goleada nin resposta ao anterior resultado. Si houbo algo en común e é que o Compos, nesta ocasión dirixido por Luis Ángel Duque, tampouco foi capaz de rematar cos once xogadores sobre o terreo de xogo. 
A capital galega recibía de novo ao CD Tenerife na segunda categoría do fútbol nacional para abrir un novo curso no que o Compos descendería por problemas económicos malia rematar na zona media da táboa. Un partido ao que o equipo de Duque saiu con Oliver, Pinillos, Castiñeiras, Chema, Adriano, Pignol, Álvaro Varela, Fabiano, Fidalgo, Juanito e Maikel, aos que logo engadir a Pedro Aguado, Corredoira e Cabarcos, e que tardou en ter goles. 
Maikel, dianteiro que arrincaba a súa segunda tempada na Esedé, facía o primeiro gol dos nosos no curso poucos minutos antes do tempo de lecer. Un gol que neutralizou no segundo tempo, a vinte minutos para o final, Basavilbaso. Non obstante, hai que falar tamén da nota curiosa do encontro e é que Pedro Aguado foi expulsado só oito minutos despois de entrar ao terreo de xogo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario