A sorpresa deste arrinque da tempada na Terceira visitará este domingo San Lázaro. Un equipo que, ao igual que a Esedé, sumou dúas vitorias nos dous primeiros encontros. A iso hai que engadir que, malia ser o equipo revelación nestas primeiras datas, trátase dun recén ascendido que aínda non sabe o que é gañar en San Lázaro nas tres visitas realizadas nos dez últimos anos.
O Laracha está a dar máis dunha dor de cabeza nestas primeiras datas do campionato. E é que non só superaron a un dos favoritos na primeira xornada senón que, ademais, é o único equipo que aínda non recibiu ningún gol ao igual que o Somozas, líder da categoría. Unha proba moi importante para os dous equipos na busca por confirmar o bo momento de ambos.
Non é sorte.
O Laracha comezou a tempada dando a sorpresa en Barraña logo de superar a un Boiro aínda na súa pretempada persoal. Unha vitoria cómoda, segundo deixa ver o resultado final, que non foi para nada casualidade como se puido ver oito días despois no Municipal de Laracha. Malia comezar ante un Barbadás superior, o equipo local foi capaz de superar aos ourensáns repetindo o resultado da primeira xornada.
Catro goles a favor e ningún en contra. O único equipo, xunto co Somozas, que aínda non sabe o que é encaixar ningún gol no que vai de curso sendo, por contra, o equipo que menos goles necesitou para sumar o pleno de vitorias con só catro anotados.
A nivel individual, o equipo larachés conta con moi bos xogadores logo de botar a man nas filas do Cerceda ao que engadir un acordo co Deportivo que lle permite ter aínda máis mellores figuras. Destaca ademais que, polo de agora, ningún xogador marcou máis dun gol con David García, Miguel Taibo, Adrián e Souto como os autores dos catro tantos.
Cero de tres.
Compos e Laracha enfrontáronse ata en tres ocasións nos dez últimos anos, sempre na Preferente Norte. Deses tres partidos, o Compos saiu vencedor en dous mentres que o outro rematou con empate sen goles.
Alá pola temporada 2007/08, o Compos foi quen de superar ao conxunto de Bergantiños cun só gol de Jorge, suficiente para deixar os tres puntos en San Lázaro. Tres anos despois, logo dun descenso de dúas categorías primeiro polo tema deportivo e logo polo tema económico, víronse as caras nun enfrontamento que rematou sen goles. E á seguinte tempada, os nosos puxeron pé e medio na Terceira grazas a unha goleada por 4-0 tantos a cero inaugurada por Louro, asistente tamén nos goles de Jacobo Tato e Roberto Piñeiro, e pechada por Julián.
Ninguén dixo que fora doado.
Malia ser, para moitos, un dos favoritos na loita por entrar entre os catro primeiros, ninguén dixo que o camiño de volta á Segunda B para o Compos sería doado. O bo xogo e a facilidade que parece ter o equipo de cara a porta é innegable logo de dúas xornadas e oito goles a favor.
Mostra das grandes complicacións que se atopará o noso equipo durante o curso é o partido ante o Ribadumia. Logo dun duro primeiro tempo, onde a puntería non estivo do lado branquiazul, a segunda metade volveuse totalmente tola con ata sete goles, o cuarto dos nosos a falta de cinco minutos para o final do xogo.
Quen tampouco o tivo nada doado foi o Laracha que, por contra, puxo algo máis de cara o seu partido superado o ecuador do primeiro tempo cun gol de David García cando mellor parecía estar o Barbadás sobre o terreo de xogo. Xa no segundo tempo, a quince minutos para o final, Adrián pechou a vitoria local contra un equipo que suma a súa primeira derrota do curso.
O gol, asegurado.
Os dous conxuntos chegan a esta terceira xornada de campionato co gol asegurado. Tanto Compos coma Laracha saben ben o que é marcar nesta tempada 2017/18 sumando un total de 12 goles entre os dous equipos. Ademais, outro dato quizais máis curioso é que os dous anotaron os mesmos goles tanto na primeira coma na segunda xornada.
O Compos arrincou o curso anotando catro goles ante o Silva nun dos mellores resultados da xornada inaugural. Non obstante, o equipo recibiu un gol ante o conxunto coruñés e tres máis ante o Ribadumia, contra o que volveu facer catro no partido con máis goles da fin de semana e que lle serve aos nosos para manterse entre os catro primeiros.
Pola súa parte, o Laracha non encaixou aínda ningún gol no que vai de campionato e tanto contra Boiro coma ante Barbadás anotaron dous goles por partido. O equipo con menos goles anotados dos cinco primeiros e, logo do líder, o único que non encaixou goles.
Uns datos que, se nada falla, asegura que este domingo poderemos ver máis dun gol en San Lázaro.
Os dous de sempre.
Yago Iglesias poderá contar para este partido con todo o equipo agás as dúas pezas que non puideron rematar a pretempada nin arrincar o presente curso. Tanto Diego Rey, que tampouco puido comezar o ano pasado por mor doutra lesión, coma Ube seguen a súa recuperación para loitar por un posto no once titular co resto de compañeiros o antes posible.
Mesmo día. Mesma hora.
Ao igual que na primeira xornada, San Lázaro abrirá as súas portas para acoller un partido máis o domingo ás 19 horas. As entradas para o enfrontamento entre Compos e Laracha manterán o prezo habitual de 10 euros para maiores de 18 anos, 5 euros para rapaces entre 17 e 13 anos e de balde para menores de 12.
Quen, por contra, non poida achegarse ao estadio branquiazul poderá seguir o encontro nas diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no Twitter oficial do clube. Ademais, ao igual que en todos os partidos na casa, estará dispoñible en directo na 'Esedé Radio', na web oficial do clube.
Ademais, para unha boa tarde de fútbol, ás 16:30h arrinca en Santa Isabel unha nova tempada do Zona Vella. O filial branquiazul estrearase ante o Val do Dubra na casa nunha tempada co ascenso como obxectivo principal.
Ademais, para unha boa tarde de fútbol, ás 16:30h arrinca en Santa Isabel unha nova tempada do Zona Vella. O filial branquiazul estrearase ante o Val do Dubra na casa nunha tempada co ascenso como obxectivo principal.

Ningún comentario:
Publicar un comentario