O Compos 17/18 xa podería xogar un partido de fútbol sala. Coas dúas novas renovacións, o equipo de Yago Iglesias xa conta con seis xogadores. Ás confirmacións destes días hai que engadir que este mediodía, o clube fixo oficial as renovacións de Mon e Santi. Dous homes importantes a pasada tempada nos plans do adestrador e que seguirán sendo pezas moi importantes no novo proxecto branquiazul.
O todoterreo, ata 2019.
Central, lateral, centrocampista defensivo, interior... da igual onde poñan a Mon, el sempre o vai facer ben. De feito, ao longo desta tempada só lle faltou ocupar o posto de porteiro para xogar en tódalas demarcacións do campo. Así é que, o santiagués, merece máis que ninguén asinar un novo contrato coa Esedé que o vincula á súa casa por dous anos máis, ata xuño de 2019.
Mon estrouse no primeiro equipo en 2014 ás ordes de Iñaki Alonso logo dun ano de cesión para coller minutos nas filas do Grixoa. Debutou ante o Celta B en San Lázaro con algo menos de media hora e volveu a ter minutos dous meses despois tamén na casa ante o Somozas, xogando os dez últimos minutos. Tempada na que nunca foi titular, sumando un total de 95 minutos en 5 partidos e sen ver porta.
Ese ano foi só para coller algo de experiencia na Segunda B xa que na seguinte tempada puido facerse un oco no equipo e axudar incluso con goles aos seus compañeiros, nunha mala tempada que contou con tres adestradores diferentes e na que ningún puido evitar o descenso de categoría. O canteirán sumou case mil minutos nun total de 17 partidos, 9 deles saíndo de titular e 2 completos, viu 6 cartóns amarelos e marcou tres goles contra Coruxo, Lealtad e Astorga.
E pasamos ao curso pasado onde se convertiu nun fixo para Yago Iglesias na Terceira e demostrando ter nivel para categoría superiores. Xogou nun total de 32 partidos, 27 deles como titular e completando todos. Viu 12 cartóns amarelos e anotou 4 goles ante Bergantiños tanto na ida coma na volta, Céltiga e Arousa colaborando en tres vitorias branquiazuis.
Agora, buscando ser unha das pezas máis importantes do proxecto compostelanista de cara ao futuro, que polo visto pode estar cheo de éxitos para el.
Xa temos dianteiro.

Santi chegou o pasado verán procedente das filas do As Pontes. Un dianteiro que asinou a tempada que acaba de rematar 9 goles en 31 partidos gañándose o posto no once titular en 20 ocasións, algunhas veces só na punta do ataque e outras compartindo con Nogueira. Un xogador que, ademais, será recordado non só en Santiago senón en moitos máis sitios incluso fóra de Galiza por unha das accións máis deportivas vistas no fútbol en moito tempo.
Santi debutou na segunda xornada do campionato ante o Ribadumia anotando dous goles moi importantes para asinar a primeira vitoria do campionato. Con eses dous tantos mantívose no once titular ata o mes de novembro, cando se mancou ante o Ordes e volvendo ao equipo na última xornada da primeira volta. Na segunda volveu facerse cun oco no equipo e, ademais, ante o Alondras deixou a mellor imaxe da tempada mandando á banda un balón logo de ver ao porteiro mancado tendo a portería baleira e todo para marcar.
No seu caso, o dianteiro de Navia asina só por unha tempada na que buscará manterse como referente no ataque.


Ningún comentario:
Publicar un comentario