Un día que non é como outro calquera. Un día que sempre será recordado por todos os seareiros da Esedé. E é que hai xa 23 anos que o noso equipo superaba ao Rayo Vallecano no Carlos Tartiere de Oviedo no partido de desempate logo de dous finais igualados nos encontros anteriores ante os madrileños. Ademais, dous encontros máis de liga e un máis da última promoción de ascenso xogada ata o de agora.
1 de xuño de 1994.
Hai 23 anos, Santiago tinguíase de azul e branco máis que nunca. A xente saiu ás rúas da capital para celebrar algo histórico. Para celebrar algo inigualable. E é que, con 32 anos de historia, o Compos acadaba o seu primeiro, e único ata o de agora, ascenso á Primeira división do fútbol español. Un premio a unha gran tempada e para o que necesitou superar unha eliminatoria de 270 minutos ante o Rayo Vallecano, que consumaba o seu descenso á categoría de prata.
O Compos remataba terceiro aquel curso 93/94 na Segunda división. O Rayo Vallecano quedaba 17º en Primeira entrando na promoción de permanencia. A eliminatoria daba comezo en terras madrileñas cun empate a un gol mentres que o partido de volta remataba sen goles, algo que agora mesmo daría o ascenso aos nosos pola regra de que 'gol fóra da casa vale dobre'.
Dous empates e obrigados a xogar un terceiro empate un mércores en Oviedo, en campo neutral, que se convertiu na segunda casa dos nosos, acompañados por 11 mil afeccionados branquiazuis que desfrutaron dende o primeiro momento dunha gran festa cun final moi feliz.
Fernando Castro Santos, gran culpable deste ascenso, sacou un once formado por Iru, Modesto II, Tocornal, Bellido, Modesto I, Bodelón, Moure, Abadía, Fabiano, Lucas e Ohen, aos que engadir durante a segunda metade a Víctor e José, que entraron para buscar defender o resultado e aumentar a diferenza nos dez últimos minutos. Un once, trece homes contando aos substitutos que sempre estarán no máis alto da historia da Esedé e que o fan grazas a dous goles de Ohen, o primeiro superados os quince minutos de partido e o segundo xa na segunda parte, e José, que servía para confirmar unha vitoria que non puido evitar un Rayo que rematou con dez pola expulsión de Hugo Sánchez e que aínda así conseguiu recortar diferenzas grazas a un insuficiente gol de Visjnic.
3-1 no marcador. Resultado claro e a capital galega se convertía nunha cidade de Primeira división grazas a un gran equipo que obtivo os seus froitos logo de tres anos na categoría de prata do fútbol español.
1 de xuño de 1997.
O máis importante tal día coma hoxe ben é certo que foi ese ascenso pero non debemos esquecer que houbo máis partidos. De feito, hai hoxe 20 anos visitabamos o Sardinero en busca dos tres puntos ante o Racing de Santander nun enfrontamento no medio da clasificación, sen nada en xogo, e que rematou tamén con empate sobre o campo.
Con Rafa Gómez, Mauro, Villena, William Amaral, Viedma, Popov, Fabiano, Passi, Lekumberri, Llorente e Ohen no once titular e Manuel e Eraña entrando dende o banco de suplentes, o Compos arrincou en Santander con dous goles de Ohen de penalti no 41 e Fabiano no 47 que non serviron para facerse cos tres puntos. O equipo branquiazul baixou a intensidade do xogo grazas á diferenza de dous tantos no marcador e o Racing non precisou máis de dous minutos para recortar distancias. Uns minutos tolos que se mantiveron un anaco máis chegando á hora de partido co 2-2 definitivo no marcador, obra de Zalazar para os locais.
1 de xuño de 2003.
Se ante o Racing de Santander seis anos antes fuxiron dous puntos cando o partido parecía encamiñado para os nosos, hai catorce pasou algo moi parecido en San Lázaro co Poli Ejido como rival. Un partido que semellaba estar na man dos nosos e que de novo rematou con reparto de puntos no treito final do xogo.
O Compos saltou ao terreo de xogo cun once formado por Oliver, Pinillos, Jesús Torres, Pignol, Castiñeiras, Vojvoda, Fabiano, Pedro Aguado, Cabarcos, Juanito e Maikel, aos que engadir logo a Adriano e Lima como substitutos. Un equipo que non tardou máis de vinte minutos en adiantarse cun gol de Fabiano dende os once metros. A resposta chegou antes do tempo de lecer cun gol de Luis Tevenet e Maikel, cinco minutos despois, devolveu a vantaxe para os nosos. Non obstante, o Poli Ejido aínda daría un golpe máis co empate definitivo no 83 cun gol de David Prats.
1 de xuño de 2013.
E chegamos a outra fase de ascenso, nesta ocasión á Segunda división B. O Compos de Fredi chegaba a Zaragoza para enfrontarse ao CD Ebro no partido de volta da primeira rolda, coa eliminatoria practicamente pechada co 4-0 da ida. Un partido sinxelo, onde os nosos case non tiveron que esforzarse demasiado e do que tamén se sacou un resultado positivo ademais de dous novos goles do 'killer' Joselu.
La Almozarra engalanábase para recibir a un Compos que, segundo o adestrador aragonés, era algo así como un premio para eles por poder enfrontarse a un ex-Primeira división e ante o que desfrutarían de xogar os 180 minutos. Para ese enfrontamento, Fredi sacou un once formado por Adrián, Borja Facal, Castiñeiras, Catú, Jimmy, Jordan, Gonzalo, Germán, Yahvé, Marcos Suárez e Joselu, aos que logo sumar a Peláez, Manu Rodríguez e Nogueira. Un equipo moi ofensivo e que se viu por debaixo no marcador antes dos dez minutos cun gol de Arribas que non servía sequera para incomodar aos nosos. Un gol ao que respondeu case media hora despois Joselu empatando o partido e obrigando aos locais a facer cinco goles máis no segundo tempo. E non foron cinco pero si un para devolver a vitoria por un anaco aos locais por obra de Miki Bressel. Pero, a vinte para o final, apareceu de novo Joselu para evitar a derrota dos nosos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario