Samu, décimo renovado


O mesmo día que o clube presentou pola mañá a Álvaro Casas na tenda de Rei Zentolo, confirmou pola tarde a renovación de Samu por un ano máis. O centrocampista de Bembibre estará por terceiro ano consecutivo ás ordes de Yago Iglesias, con quen tamén estivo nas filas do Noia hai dúas campañas. 
Samu chegou o pasado verán a Santiago da man do adestrador ribeirense para ocupar, dende a pretempada, un posto no once titular do Compos. De feito, comezou a liga sendo un fixo no equipo e participando en case tódolos minutos nas 8 primeiras xornadas do campionato. Foi nesa oitava data do calendario, en San Lázaro ante o Racing Vilalbés, cando sufriu unha lesión que o apartou dos terreos de xogo ata tres meses.
Caeu ante o equipo lugués na segunda parte e reapareceu ante o Deportivo B, tamén en San Lázaro, xusto tres meses despois na derrota dos nosos por 0-2. Aínda así, logo da lesión foi titular en nove partidos participando en tres máis. Un total de 20 partidos, 17 de titular, e máis de 1.300 minutos durante unha tempada na que anotou 2 goles, un golazo ante o Alondras e o que serviu para gañar na última xornada ante o Barbadás.
Con el xa son once xogadores entre renovacións e a única fichaxe oficial ata o momento. Nos vindeiros días saberemos se Lorenzo, Recoba, Tomás, Saro, Taboada e Nogueira amplían a súa estancia no equipo da capital galega. 

Álvaro Casas xa se presentou. 
Outro compañeiro no centro do campo para Samu será Álvaro Casas. O santiagués foi renovado esta mañá na tenda oficial do clube xa vestido de branquiazul. Na presentación afirmou chegar con "ilusión por xogar no Compos". Ademais, Manu Castiñeiras dixo que "aportará moitas cousas e nos dará un salto de calidade". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario