Rubén será xogador do Compos un ano máis. O dianteiro de Vilagarcía, que chegou a Santiago o pasado verán, asina ata 2018 coa Esedé ás ordes de Yago Iglesias. Unha peza importante nos plans do adestrador branquiazul e unha aposta de futuro aos seus 22 anos, sumando xa o cuarto ano na Terceira división entre Arousa, Xuventú Sanxenxo e o noso equipo.
Rubén chegou a pasada tempada procedente das filas do Arousa, equipo onde se formou e no que puido estrearse na Terceira división no 2013. Máis de 60 partidos despois na categoría, fichou polo Compos estreándose ás ordes de Yago Iglesias na xornada 6 substituíndo a Martín no once no minuto 80 de partido, ante o As Pontes en San Lázaro. A partir dese encontro, un total de 20 partidos de liga, só un completo ante o Racing Vilalbés.
O vilagarcián, nos 945 minutos xogados, anotou un gol ante o Bergantiños e foi titular nun total de 12 ocasións. Ademais, viu 4 cartóns amarelos en liga e xogou ao completo o amigable ante o Deportivo facendo o gol local e completando os 90 minutos.
Agora, loitará por facerse co posto de titular ante a marcha de Martín e buscará ser de novo unha peza importante pola banda de San Lázaro. Un bo asistente que poderá asociarse un ano máis con Santi, polo momento único dianteiro centro do equipo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario