Tal día coma hoxe, o Compos xogou dous partidos na Segunda división nos anos 90. Dous encontros no treito final das respectivas campañas e que remataron nos dous casos con empates. Un empate sen goles en Mérida e outro con moita máis emoción ante un Málaga cheo de grandes xogadores.
5 de xuño de 1993.
Imos co empate no Estadio Romano de Mérida. Partido moi igualado, sen nada en xogo dende un principio e con tres xornadas por diante para rematar a segunda tempada dos nosos na categoría de prata, que se saldou cunha nova permanencia.
O Compos saltou ao terreo de xogo con Docobo, Tocornal, Bellido, Tono, Modesto, Nacho, Carlos Alberto, Toni, Fabiano, Cortés e Pichi Lucas, aos que logo engadir a Moure e Bodelón. Empate sen goles, con estadísticas do partido moi igualadas e, incluso, os mesmos cartóns. Un punto para cada equipo e todos contentos coa permanencia dos dous conxuntos na Segunda división.
5 de xuño de 1999.
Máis emoción, fútbol e goles houbo seis anos despois, un ano despois de xogar cos grandes. O Compos recibía a un Málaga con xogadores coma Rufete, Catanha ou Movilla, este último aínda en activo, buscando superar ao líder da categoría, que ascendería ese curso e se mantería ata 2006 na máxima categoría antes de volver a Segunda por dous anos máis. Un partido con seis goles e que puido rematar con vitoria para calquera.
A Esedé saiu ao campo cun once formado por Carlos, Mauro, Bellido, Tabuenka, Viedma, Nacho, Quiroga, Fabiano, Passi, Lekumberri e Salapasidis, aos que logo sumar a Agirretxu, Changui e Roberto. E os goles, que tardaron media hora en chegar, serviron para poñer por diante ao Málaga con dous tantos de diferenza, obra de Catanha e Roteta, aos que só Salapasidis foi quen de responder antes do final do primeiro tempo. Na segunda parte, Guede devolveu os dous goles de diferenza para o Málaga e Fabiano, de penalti, achegou de novo ao Compos. E, sen tempo de reacción por parte de ningún, Passi fixo o 3-3 definitivo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario