Recoba colga as botas


Pois xa van cinco. Cinco xogadores que a vindeira tempada non só non formarán parte das filas do Compos, polo menos no primeiro equipo como sería o caso de David Rey, senón que non se poderán ver sobre un terreo de xogo. Logo de Cabrejo e o central ordense, Martín e Nogueira anunciaron que deixan o fútbol de xeito temporal, no caso do segundo por non poder compaxinar traballo e adestramentos. E agora é Recoba quen pasa do campo ao banco para tomar o mando do Esbjerg de Dinamarca.
O centrocampista, que sempre pasará á historia por ser a venta máis cara do clube cando só era un xuvenil para formar parte do Real Madrid, remata así a súa carreira aos 33 anos no mesmo lugar onde a comezou en categorías inferiores. Un futbolista que amosou unha calidade superior á Terceira división malia non poder adestrar tódolos días co resto dos seus compañeiros por estar a facer ao mesmo tempo o curso de adestrador profesional, que o obrigou a pasar boa parte do tempo en Madrid e case non adestrar co resto dos compañeiros.
Recoba chegou a Santiago o pasado verán logo de quedar sen contrato no Anorthosis Famagusta de Chipre, no que rematou mancado a tempada. Comezou a adestrar en San Lázaro e, logo de negociar algunha que outra cláusula importante do contrato, asinou pola Esedé o pasado mes de novembro ata o final da tempada. De feito, o uruguaio só pediu ao clube que o deixaran saír se lle chegaba unha oferta interesante e poder asistir durante a tempada a Madrid para o curso de adestrador, no que compartiu clase con grandes xogadores da Liga española xa retirados.
Alcorcón, Mérida, Palencia, AGOVV Apeldoorn, SC Heerenveen, Heracles Almelo, FC Groningen, VVV Venlo, AEK Larnaca, Maccabi Tel Aviv FC, Anorthosis Famagusta e, como non, SD Compostela. Foron moitos equipos entre España, Holanda, Chipre e Israel onde Gonzalo García García amosou a súa gran calidade chegando a estrearse nas categorías inferiores da Selección Española xunto a xogadores do nivel de Andrés Iniesta ou Fernando Torres.
14 anos na élite do fútbol pasando por grandes equipos pero sen conseguir estrearse en competicións europeas mais si gañando unha liga en Israel coas filas do Maccabi Tel Aviv co español Óscar García de adestrador anotando 4 goles en 27 encontros.
Agora, Recoba colga as botas pero non deixa o fútbol xa que ocupará o posto de adestrador do Esbjerg dinamarqués, equipo recentemente descendido á segunda división. Será a súa primeira experiencia nos bancos e da que estaremos pendente desexando que lle vaia o mellor posible e un futuro como adestrador do Compos.

Só falta Tomás.
Agora mesmo, coa retirada de Recoba, só falta por coñecerse a decisión de Tomás, que se fará pública nas vindeiras horas. Todo indica a que o vigués, que rematou contrato co Pontevedra, será novo xogador do Compos en propiedade de cara á vindeira tempada. Ademais, Castiñeiras xa busca un substituto de calidade para Recoba e podería estar a piques de pechar a fichaxe dun '9' titular que cubra a baixa de Nogueira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario