22 de xuño


Chegamos a un día importante na historia máis recente do noso equipo. Nun San Lázaro ateigado, o Compos recibía hai 4 anos ao Cieza murciano para asinar o primeiro punto, por chamarlle dalgún xeito, na loita por un ascenso que se conseguiu oito días despois lonxe da capital galega. Unha vitoria clara, cómoda, dos nosos e un paso máis preto da Segunda división B.

22 de xuño de 2013.
Superados Ebro e San Juan, chegaba a quenda de superar ao Cieza na final da promoción. Con Joselu lanzado no camiño do gol, anotou cinco tantos nos catro primeiros encontros, o equipo dirixido por Fredi puido sumar o terceiro triunfo, terceiro ademais en San Lázaro, para achegar a categoría de bronce a Santiago. Manu Rodríguez e Yahvé foron os autores dos dous goles.
Catro goles ante o Ebro, tres ante o San Juan e dous ante o Cieza. Así foron os tres partidos da promoción en Santiago co terceiro onde o adestrador moañés sacou un once formado por Adrián, Borja, Catú, Castiñeiras, Jimmy, Gonzalo, Manu Rodríguez, Yahvé, Jordan, Joselu e Marcos, aos que sumar a Peláez, Mariño e Franqueira. Un partido complicado, onde os nosos souberon que facer en todo momento e cun segundo tempo onde chegaron os goles. Manu Rodríguez fixo o primeiro aos dous minutos da reanudación e Yahvé fixo o segundo a cinco minutos para o final. Unha vitoria de ouro que serviu para máis de medio ascenso. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario