Polo de agora, o bloque que agardaba facer Yago cos xogadores da pasada tempada vai collendo moi boa forma. Tal é así que hoxe, sábado, temos unha nova renovación importante. O extremo asturiano Diego Rey confirmou a súa presenza no novo proxecto asinando un novo contrato co clube branquiazul ata xuño de 2018. Así, confírmase ademais a permanencia no equipo do máximo goleador na tempada 2016/17.
Diego Rey chegou a Santiago en 2013 procedente das filas do Somozas, onde pasou un ano gañando importancia na Terceira división. Con Fredi no banco, estreouse na Segunda división B xogando un total de 13 partidos, 9 como titular, e marcando un gol contra o Guijuelo. Un ano de aprendizaxe na categoría de bronce para volver á Terceira división, ás filas do Atlético Levante. E de novo, un ano e volta ao Somozas, xa na Segunda B para volver á Esedé no seguinte verán.
Na súa segunda etapa no Compos foi de menos a máis. Un dos xogadores máis utilizados por Yago Iglesias e que contou con máis de 2.000 minutos en 32 partidos, 26 como titular, nos que anotou un total de 10 goles. Grandes actuacións do asturiano entre as que se atopan os tres goles ao Alondras en Cangas e un dos mellores goles do campionato nese mesmo partido. Un xogador que, sen dúbida, volverá deixar boas xogadas pola banda de San Lázaro e grandes carreiras ademais de asistencias.
Unha gran novidade no noso equipo ao que aínda lle faltan varios xogadores por confirmar a súa continuidade antes de buscar no mercado novas incorporacións.


Ningún comentario:
Publicar un comentario