4 de xuño


San Lázaro tomou forza tal día coma hoxe en dúas ocasións. Dous precedentes importantes na historia dos nosos na Primeira e Segunda división do fútbol español sumando unha vitoria moi importante e un empate para evitar o descenso alá polo 1995 e o 2000.

4 de xuño de 1995.
A tres xornadas para o final do campionato, o Compos superaba ao Atlético de Madrid na primeira visita do conxunto madrileño a San Lázaro. Un partido onde a Esedé foi superior e no que puxo contra as cordas a un histórico do fútbol español que só un ano despois se faría coa Liga e a Copa. 
No primeiro curso cos máis grandes, a Esedé non só foi quen de empatar ante o Real Madrid nos dous partidos, senón que ademais puido superar aos veciños dos brancos na capital galega grazas a dous goles. Iru, Bellido, Galdames, Modesto, Villena, Lekumberri, Abadía, Fabiano, Passi, Ohen e Arensoe no once titular, Víctor e Moure saíndo dende o banco de suplentes. Partido que chegou ao segundo tempo sen goles pero que non tardou en decantarse para o lado dos nosos grazas a un gol de Ohen. E as cousas foron a mellor co paso dos minutos xa que en cinco minutos o Atlético de Madrid quedou cun home menos e os nosos puxeron terra de por medio co segundo gol, obra de Arensoe. Valencia, xa case sen tempo para algo mellor, fixo o gol do equipo roxibranco, que rematou con nove cunha segunda expulsión no final do encontro.

4 de xuño de 2000. 
O Compos evitou os postos de descenso á Segunda B no segundo ano consecutivo do equipo na categoría de prata. Unha tempada que rematou cun empate na casa ante o Sporting de Xixón nun partido un tanto igualado e que se igualou aínda máis no treito final do xogo. 
A Esedé despediu a tempada cun once formado por Rafa Gómez, Mauro, Biscay, Saula, Adriano, Cabrejo, Fabiano, Lekumberri, José Manuel, Sion e Changui, aos que logo engadir a Díaz, Rubén Estévez e Gudelj. Un equipo que puido adiantarse no primeiro tempo cun gol de Sion, un gol que puido ser suficiente de non ser polo gol de David Cano a doce minutos para o final case complicando a permanencia dos nosos, que se conseguiu por un punto sen contar logo os descensos administrativos que provocaron que só dous dos catro últimos perderan a categoría. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario