Banda reforzada


Logo de facer público un comunicado oficial onde se explicaban os motivos da marcha de Taboada, o clube anunciou tamén a renovación de Saro. O lateral santiagués será, unha tempada máis, unha peza fundamental nos plans de Yago Iglesias, co que compartirá vestiario por terceiro ano consecutivo logo de xogar ás súas ordes tamén no Noia, ao igual que Samu. 
Saro buscará facerse de novo un oco no equipo branquiazul, no que sumará a súa segunda tempada consecutiva. Seguindo o camiño do seu irmán Jimmy, xogador con máis partidos na historia do clube, loitará de novo por xogar case tódolos minutos da vindeira tempada como xa fixo a pasada xogando tanto de lateral coma de interior facendo incluso un gol que serviu para empatar en As Pontes.
Chegado dende as filas do Noia xunto ao adestrador ribeirense, Saro case tódolos partidos da pasada tempada faltando só á cita que enfrontou aos nosos co Rápido de Bouzas en Vigo. Agás esa ausencia por sanción, puido sumar 37 partidos, 35 no once titular e completando un total de 32 superando os 3.100 minutos de xogo. Un seguro en defensa que viu un total de 5 cartóns amarelos e, como xa dixemos antes, anotou un gol. 
Un home que aos seus 27 anos conta cun bo futuro na entidade branquiazul e que loitará por devolver este curso ao equipo á Segunda B dous anos despois. Asina ata 2018.

Fin da polémica? 
Onte á noite deuse a coñecer a baixa de Santi Taboada e con ela chegaron varias mensaxes nas redes sociais coas súas declaracións dicindo que se enterou da súa marcha por outra xente. Pois ben. O clube sacou esta mañá un comunicado onde informaba que en realidade si recibiu ofertas de renovación dende o pasado mes de marzo rexeitando todas e cada unha delas comunicando ao clube que agardaría ao final da tempada para asinar por un clube de categoría superior. 
Ao longo da tarde apareceron máis declaracións de Taboada nas que dicía que chegou a rexeitar ofertas da Segunda B de fóra de Galiza en xaneiro para buscar o ascenso ou, polo menos, a promoción co equipo da capital, algo que agradecer pero recordando tamén que o seu contrato remataba ao final do curso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario