Álvaro Casas volve a Santiago



O Compos xa ten a súa primeira incorporación de cara á vindeira tempada. Trátase do centrocampista defensivo Álvaro Casas, un santiagués de 23 anos, formado nas categorías inferiores do Conxo e que chega procedente do filial do Real Oviedo, equipo que a pasada tempada militou tamén na Terceira división. 
Aos seus 23 anos, Álvaro Casas xa pode presumir de xogar en dous filiais importantes. Comezou a súa andaina no fútbol nas filas do Conxo recalando no Xuvenil do Celta e chegando a debutar no filial celeste no que anos despois se faría un oco na Segunda B. Ademais, pasou polas filas do Alondras onde se gañou a titularidade xogando máis de 2.700 minutos en 34 encontros. 
En Cangas militou só un ano antes de volver, con máis experiencia, ao Celta B. 15 partidos máis no equipo celeste acumulando máis de mil minutos de xogo para manterse na categoría de bronce e asinar polo Mensajero, tamén na Segunda B. En terras canarias, co ex do Compos Rubén Sánchez de compañeiro, foi titular en 18 partidos superando de novo os mil minutos e xogando incluso un partido de Copa do Rei ante o Cádiz.
Logo do seu paso pola Segunda B, buscou de novo importancia nun filial dun grande. Asinou polo Real Oviedo para xogar no segundo equipo, na Terceira división. Un bo ano para o santiagués onde xogou un total de 29 encontros, 27 deles coma titular, e sumando un total de 2.311 minutos. 
En resumo, o equipo ficha a un novo recambio de calidade e cun bo futuro logo da marcha de Make do equipo e ante a dúbida de se Samu renovará definitivamente co conxunto branquiazul. O seu contrato será ata 2019. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario