8 de xuño


Logo de dous días sen nada histórico de que falar, volvemos a atopar un precedente na historia do Compos tal día coma hoxe. Un partido nun campo histórico e ante un rival xa desaparecido pero que deixou un gran recordo no fútbol español. Trátase da derrota por 4 goles a 2 no Helmántico ante a Unión Deportiva Salamanca, clube desaparecido hai catro anos logo de 90 anos de historia con ata doce anos na máxima categoría do fútbol español. 

8 de xuño 2003. 
O Compos visitaba un 8 de xuño o Helmántico de Salamanca por última vez coa intención de traer os tres puntos cara Santiago por terceira vez nun campo onde se perdeu en dúas ocasións, incluíndo esta última. Un encontro con seis goles sen nada en xogo para os nosos, que acabaron descendendo malia rematar novenos na clasificación final. 
Oliver, Pinillos, Corredoira, Pignol, Castiñeiras, Vojvoda, Fabiano, Pedro Aguado, Cabarcos, Juanito e Maikel no once titular e Arquero, Rodri e Álvaro Varela entrando dende o banco de suplentes. Partido onde se adiantaron os nosos cun gol de Maikel aos cinco minutos e que empataron os locais á media hora cun tanto obra de Cacá. Juanito devolveu a vantaxe para os nosos antes do tempo de lecer e aí foi onde quedaron os nosos. No segundo tempo non houbo Compos e o Salamanca non só remontou o resultado senón que ademais puido poñer no marcador unha diferenza importante. Roberto fixo o segundo e o terceiro dos seus mentres que Raúl Gañán asinou a sentenza sen tempo para reaccionar. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario