Onte, coa saída de Make do equipo, o clube daba a coñecer que os outros quince xogadores si recibiron unha oferta para continuar un ano máis vestindo a camisola branquiazul. Un ou dous coma no caso de Ube, que chegou o pasado curso á Esedé e que seguirá ata 2019 como mínimo. Ademais, a portería estará moi ben cuberta un curso máis coa renovación de Lucas.
De menos a máis e dous anos de renovación.
Ube chegou procedente das categorías inferiores do Celta cunha matrícula para estudar na USC e poder seguir xogando. Cun contrato de xuvenil, o vigués foi de menos a máis nos plans de Yago Iglesias debutando na segunda xornada ante o Ribadumia en San Lázaro e sumando ao final un total de 1.360 minutos nos que anotou un gol na goleada ante o Silva na segunda volta.
Foi na segunda volta cando se fixo cun oco no once acompañando en gran parte do tempo a Mon no centro do campo. De feito, na primeira participou nun total de cinco partidos, catro saíndo no equipo titular, mentres que na segunda participou nun total de trece, todos no equipo inicial e completando un total de sete nos que fixo un gol e viu catro cartóns amarelos.
Agora, un xogador que está chamado a ser unha das pezas importantes no equipo de Yago Iglesias dominando o centro do campo, asinou por dúas tempadas máis.
O mellor do equipo.
Lucas foi escollido o mellor xogador do equipo pola afección na enquisa feita por Mahou hai uns días e agora confirmou a súa presenza ata o vindeiro verán, ata cando xa tiña contrato asinado dende a pasada tempada.
Un seguro baixo paus, o de Bembibre gañou cada recoñecemento por parte da afección branquiazul, que o considera sen dúbida o mellor do equipo. A afección e o adestrador, que fixo do gardamallas un seguro na portería da Esedé xogando un total de 31 partidos e encaixando 38 goles, mantendo ademais a portería baleira ata en sete ocasións e evitando máis dunha derrota dos nosos.
Unha das mellores novas posibles e que sen dúbida gustará aos afeccionados. Un reforzo moi importante na portería cun futuro no máis alto do fútbol.
E chegan os primeiros rumores.
Un día antes, na prensa da capital apareceu unha información sobre unha posible fichaxe. Fálase que o primeiro en chegar, logo das saídas de Ander e David Rey, será un central con experiencia na categoría e menor de 23 anos.
Por outra parte, por redes sociais xa se fala tamén de diferentes nomes. Diego Silva do Choco, Hugo Rama do Depor B e Thaylor, ex Celta B, agora nas filas do Real Unión de Irún en calidade de cedido pola SD Eibar. Dous dianteiros e un centrocampista que pasarían a reforzar moi ben un equipo que, segundo o presidente, non contará co obxectivo do ascenso dende o comezo da tempada.

Ningún comentario:
Publicar un comentario