E rematamos o mes cun ascenso. Un ascenso á Segunda B hai xa oito anos en terras aragonesas e cunha derrota, que pouco importou, ante o Atlético Monzón logo de gañar sen problemas no partido de ida en San Lázaro. Un final a unha gran tempada dos nosos deixando á Esedé na Segunda B logo de varios anos sen nada positivo e cun equipo capaz de moitas cousas na categoría de bronce, aínda que por motivos extradeportivos non se puidera facer máis na seguinte campaña.
31 de maio de 2009.
Logo de gañar en San Lázaro sete días antes por 3 goles a 0, o Compos tiña que rematar o traballo en Monzón, Huesca. Un partido no Isidro Calderón dominado polos nosos pero no que os locais buscaron manter as esperanzas dun ascenso pola vía máis curta, a dos campións.
A Esedé chegaba a Aragón con gran parte do traballo feito no partido de ida oito días antes en San Lázaro. Na volta, saltaron ao campo polos nosos Pablo, Rego, Cholo, Toño, Jimmy, Vladimir, Mariño, Claudio, Centrón, Petter e Rubén, aos que sumar a Pato, Ángelo e Munín. Xa co encontro en xogo, o equipo local adiantouse antes do minuto 10 de partido cun rexeite logo dunha falta perigosa. Un gol que non amedrentou ao Compos, que puido dominar ata o final o xogo chegando por debaixo no marcador ao tempo de lecer.
No segundo tempo, a superioridadde branquiazul levou ao camiño do gol, obra de Centrón, para deixar totalmente pechada a eliminatoria obrigando ao Monzón a facer catro goles en media hora. Non foron catro mais si que o equipo local puido rematar o encontro con vitoria logo dun segundo tanto nun córner que peta no longueiro antes de entrar na portería defendida por Pablo.
Unha derrota que finalizou con festa na capital no derradeiro ascenso con Caneda no palco. Pola súa parte, o Atlético Monzón caería de novo na segunda rolda da fase do ascenso ante o Binissalem.

Ningún comentario:
Publicar un comentario