Chega o final da tempada para un Compos que chega xa co obxectivo no peto. Será, ademais, a derradeira saída do curso nun partido adiantado ao resto da xornada ante o Barbadás, tamén sen nada por xogarse máis que unha boa imaxe na súa última cita ante a súa afección.
Tampoco hai que esquecer que nos Carrís se poderá vivir o final de dúas carreiras importantes na historia do noso equipo confirmando xa as dúas primeiras baixas de cara á vindeira tempada, na que xa hai que pensar co obxectivo do ascenso.
Nada que mellorar.
O Barbadás chega a este final de campaña sen posibilidades de mellorar a súa posición na táboa. Décimo, o equipo ourensán suma 50 puntos, salvado matematicamente aínda habendo un sexto descendido de perder a categoría o Boiro. Ademais, pode presumir de ser o equipo que máis empates asinou ao longo da tempada (14) e de só quedar sen puntuar nunha ocasión nos Carrís, ante o Silva.
Un dos equipos máis febles a domicilio, conseguindo só 15 puntos de 57 posibles gañando en tres ocasións, é por contra o segundo que máis veces puntuou na casa, aínda así sen ser un dos que máis puntos fixo. 9 vitorias, 8 empates e 1 derrota nun campo onde Racing Vilalbés, Depor B, Cerceda e Bergantiños non foron quen de puntuar sequera sendo só Rápido de Bouzas e Arousa os equipos da zona alta capaces de facerse cun punto.
En canto a goles, non se trata dun dos equipos que máis ve portería (44). De feito, só cinco equipos da categoría suman menos goles ca o Barbadás. Por contra, recibiron 46 goles. De todos eses tantos, na casa anotaron 28 e encaixaron 18 sendo un equipo difícil de superar en terras ourensás.
A nivel individual hai varios xogadores que destacar. Comezando polo ex do Compos Germán, unha das pezas importantes no ascenso a Segunda B, hai que sumar a xogadores coma Alfredo, con 8 goles ata o momento, e Rodrigo Parreira, autor de 12 tantos nos 37 partidos que levamos este curso.
Segunda visita.
Ata o de agora, o Compos só visitou Os Carrís nunha ocasión, que rematou con vitoria santiaguesa. Ese partido data de abril do 2013 e a Esedé volveu cos tres puntos grazas a un solitario gol de Marcos Suárez. Un partido cun mal primeiro tempo onde Fredi buscou sorprender ao Barbadás con ata seis defensas.
A ese resultado hai que sumar tamén os outros dous colleitados en San Lázaro, onde o Compos conseguiu gañar en ámbalas dúas citas contra o conxunto ourensán. Dous partidos, en 2012 e na primeira volta desta mesma tempada en decembro de 2016, onde os nosos conseguiron o mesmo resultado nas dúas citas: 2-0.
O empate, o esperado.
Agora mesmo, tal e como están as cousas, o máis normal sería que este partido rematara con reparto de puntos. De feito, tanto o Barbadás na casa coma o Compos a domicilio suman 8 empates cada un. Se a iso lle engadimos que o noso equipo só coñeceu a vitoria lonxe da casa en tres ocasións, sempre con dificultades, e que o que será o equipo local só permitiu unha derrota, as cousas non permiten pensar agora mesmo en algo máis positivo.
Só de Ribadumia, Cangas e Ordes se puideron traer os tres puntos nunha campaña onde gañar fóra de San Lázaro volveu ser a materia pendente do equipo branquiazul. Un equipo que, ademais, sumou 8 empates e caeu noutras 7 ocasións, con goleadas tan importantes coma o 5-1 en Abegondo.
Como xa dixemos antes, dos Carrís saíron ata 11 puntos en forma de 8 empates e só unha derrota. Nove resultados que non deixaron aínda así malas sensacións a un equipo que na casa encaixou 18 goles quedando sen marcar en tres ocasións, pechando dous empates sen goles e outro con derrota por 0-3 ante un Silva forte a domicilio.
Vitoria do Compos, derrota do Barbadás.
A pasada xornada rematou con resultados moi diferentes para os dous equipos, non así ao mellor nivel ningún. A cara, para o Compos, a cruz para un Barbadás que se viu superado ante un xa descendido que dixo adeus á categoría na casa coa cuarta vitoria da tempada.
Un Compos a medio gas superou ao Negreira nun partido marcado, en gran parte, polas despedidas na casa de David Rey e Cabrejo. Partido sen emoción, sen nada en xogo, sen intensidade, e que se pechou cun gol de David Nogueira.
O Barbadás, polo seu lado, non saiu con nada positivo da súa visita ao Municipal de Bembibre. O Dubra puido darlle unha última boa nova á súa afección na última cita do equipo na casa. Un partido onde os de amarelo chegaron a poñerse 2-0 na segunda metade. Suárez recortou diferenzas, Mariño anotou o terceiro para os do Val do Dubra e Novoa, no engadido, asinou o 3-2 definitivo para un Barbadás que non gaña dende o 2 de abril ante o Ribadumia conseguindo 4 empates nos 5 últimos partidos.
Agora si, chega o fin.
Unha e outra vez hai que lembrar que este sábado será a última ocasión na que poidamos ver sobre un terreo de xogo a nivel profesional a Juan Cabrejo Pasantes e David Rey Ameijenda. Dúas baixas de cara á tempada 17/18 importantes, dúas retiradas e un partido importante á par que emocionante.
En canto ás baixas para o partido, Yago poderá contar con todo o equipo agás Tomás. O centrocampista vigués mancouse hai xa algo máis de dous meses en Carballo e, malia contar coa súa baixa entre dúas e tres semanas, non volveu entrar nunha convocatoria adestrando dende hai pouco co resto dos seus compañeiros.
Tingamos Os Carrís.
O partido será o sábado ás 18:30 horas no Campo Municipal dos Carrís, en Barbadás. Un partido para o que o equipo ourensán, con intención de darlle unha boa despedida aos seus, porá entradas a 5 euros para todos e de balde para menores de 14 anos.
Quen non poida asistir ao encontro poderá seguilo a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter.
E bo domingo.
Sen nada que ver co noso equipo, o domingo será un día clave para coñecer máis datos de cara á vindeira tempada. Ás 18 horas comezará o final tanto da Segunda B, onde esperamos un bo final para o Boiro, que depende de si mesmo para salvarse, algo que pasaría se superan ao Burgos en Barraña, coma da Terceira. Na nosa categoría saberemos cal será o quinto descendido e o cuarto clasificado para a promoción de ascenso ademais de saberse se haberá un sexto equipo que perda a categoría rumbo á Preferente, algo que depende do resultado do encontro en Barraña.

Ningún comentario:
Publicar un comentario