10 de maio


Un día coma hoxe, ou máis ben cinco días, o Compos tivo traballo importante dende 1992 ata 2015 pasando polas catro categorías do fútbol nacional, con grandes momentos da historia do clube e por outros non tan bos. Ademais, un 10 de maio chegou unha das vitorias máis recordadas da historia da Esedé, unha vitoria difícil de esquecer en Riazor ante un dos máximos rivais do equipo. 

10 de maio de 1992.
Primeira tempada do Compos na Segunda división española e, xa coa permanencia no peto, momento de recibir en San Lázaro a un dos equipos históricos do fútbol nacional: o xa desaparecido Club Deportivo Mérida. Un partido sen nada en xogo a tres xornadas para o final do campionato onde os dous equipos remataron na metade alta da clasificación.
Docobo, Víctor, Tono, Cayetano, Bellido, Ochoa, Bodelón, Núñez, Ohen, Maric e Moure no once titular de Castro Santos e Pichi Lucas entrando dende o banco de suplentes. Así saiu un Compos que perdeu ante o equipo extremeño grazas a un gol de Paquito na media hora de xogo. Unha derrota que, se non era suficiente para os nosos, rematou coa expulsión de Víctor xa case co tempo cumprido. 

10 de maio de 1998.
Poñámonos en situación. Riazor. 10 de maio de 1998. Un Compos practicamente descendido visitaba A Coruña na penúltima data do campionato. Diante, un Depor salvado, con figuras coma Songo'o, Scaloni, Jémez, Fran, Djalminha ou Mauro Silva e sen nada por xogarse no treito final do campionato. O resultado, para a historia. 
A última saída do noso Compos na Primeira división, que despediría con tres vitorias nas catro últimas xornadas, comezou cun once formado por Rafa Gómez, Mauro, Bellido, Villena, Nacho, Lekumberri, Chiba, Fabiano, Passi, Sion e Penev, aos que sumar na segunda metade a Tabuenka, Viedma e Ohen. Diante, un equipo que dous anos despois asinaría a súa única Liga. O partido xa é historia. 
Sion e Bellido fixeron saltar a sorpresa no feudo coruñés superada a media hora de xogo con dous goles. Por contra, o Depor tardaría sete minutos en igualar o resultado con goles de Naybet e Djalminha, este último dende os once metros aumentando a emoción dun partido que na segunda metade tería un dono moi claro. 
Entre Romano Sion e Fabiano devolveron a vitoria aos nosos en dez minutos dende a reanudación tralo paso por vestiarios pechando o primeiro un 'hat-trick' importante. E Viedma, a quince minutos para o final, anotou o sexto e definitivo na mellor goleada da historia do Compos. 
O resumo, por partes, aquí: parte 1 e parte 2.

10 de maio de 2003.
Volvemos á Segunda división. Xornada 35 da tempada 2002/2003 no Molinón. Enfrontamento entre Sporting de Xixón e Compos na zona media da táboa sen case nada en xogo con dous equipos lonxe das opcións de ascenso, ata o punto de que o Compos perdeu a categoría por problemas económicos malia quedar na novena posición da táboa.
Ante un Sporting no que comezaba a súa carreira David Villa, o Compos pasou a ir por debaixo no marcador cun gol de Borreguero á media hora de xogo recordando o que pasou meses antes no partido da primeira volta, onde os asturianos se puxeron 0-2 rapidamente con dous goles do agora xogador do New York City. Nesta ocasión, por sorte, empataba Corredoira antes do final do primeiro tempo. Xa na segunda metade facía Maikel o segundo e Sequeiros, case sen tempo, anotaba o terceiro. O once naquela cita estaba formado por Tito, Pinillos, Corredoira, Castiñeiras, Adriano, Pignol, Fabiano, Aguado, Sequeiros, Juanito e Makel, aos que sumar a Jesús Torres, Rodri e Chema. 

10 de maio de 2009.
Baixamos un par de categorías máis e atopamos un Alondras-Compos sen case emoción logo de que o noso equipo conseguira o primeiro posto de xeito matemático a falta de varias xornadas para o final da tempada. Novo partido malo do equipo, que si pecharía o curso con vitoria antes de enfrontarse ante o Atlético Monzón.
No Campo do Morrazo, o Alondras puido facerse cun resultado moito mellor ante a Esedé, formada por Pablo, Rego, Cholo, Catú, Ángelo, Vladimir, Munín, Tomás, Centrón, Kinho e Rubén, aos que sumar a Alex Blanco e Peque, que foi unha peza clave. Iago fixo o gol para un equipo que puido ampliar diferenzas para facerse cos tres puntos. Porén, o Alondras deixou vivo ao noso equipo, que empatou no 85 con gol de Peque. 

10 de maio de 2015.
E rematamos co filial do Sporting hai dous anos na derradeira saída do curso e que puido deixar ao Compos, incluso, sen Copa do Rei logo de perder as opcións de entrar na promoción con tres empates nas tres xornadas anteriores. En Mareo, derrota dolorosa dos nosos que non foron capaces sequera de ver portería. 
Ramón baixo paus; Josu, Alcañiz, Portela e Jimmy en defensa; Marcos Rodríguez, Manu Rodríguez, Lemos, Fondevila e Jordan no centro do campo; e Borja Navarro, que durou algo máis de cinco minutos antes de mancarse, na dianteira. A ese once hai que engadir a Mensha, Mon e Manu Moreira saíndo dende o banco de suplentes. O conxunto asturiano non tardou en adiantarse cun gol de Mendi aos cinco minutos. Xa no segundo tempo sería Tato o encargado de facer o segundo e Mendi asinaría o terceiro e definitivo tanto.
O resumo, aquí

Ningún comentario:

Publicar un comentario