O Compos puxo o punto final á tempada coa cuarta vitoria a domicilio do curso. Un triunfo sen nada en xogo ante o Barbadás nun partido sen apenas intensidade e que non contou con goles ata o segundo tempo con remontada incluida dos nosos e un penalti parado por un Lorenzo que deixou boas sensacións na despedida do curso.
Pero este partido ten outro significado ademais de ser o final da campaña. Dous finais emotivos e importantes. Máis alá de ser o adeus a unha tempada de transición e aprendizaxe, puidemos vivir o final das carreiras de xogadores que pasarán á historia do noso equipo como son David Rey e Cabrejo, dúas novas lendas que puxeron os seus nomes na historia branquiazul con letras de ouro logo de longas carreiras.
Pouco máis que un amigable.
Sen nada importante polo que loitar máis que pechar a tempada cun bo sabor de boca, Barbadás e Compos non puxeron tódalas súas cartas sobre a mesa durante o primeiro tempo. Corenta e cinco minutos de igualdade e sen ocasións máis que algunha que outra xogada a balón parado, sobre todo por parte do conxunto branquiazul.
Nin con dous dianteiros no once titular, Santi e Nogueira, chegaron as ocasións con facilidade sobre a portería ourensá sobre un terreo de xogo case descoñecido polos nosos, de herba artificial e que provocou complicacións no xogo do equipo de Yago Iglesias.
E chegaron os goles.
Logo dun mal primeiro tempo, a segunda metade arrincou cun ritmo superior e, por sorte, con goles. Só un minuto houbo que agardar para ver ao Barbadás adiantándose no marcador grazas a un gol de Igor coa cabeza logo dun centro dende a banda.
A superioridade no luminoso por parte do conxunto local durou algo menos de cinco minutos. O Compos mellorou notablemente e puxo en serios problemas á defensa do Barbadás. Tanto foi así que, cun gran centro de Mon, chegou o empate cun gran gol de Cardeñosa superando á zaga local por alto.
Xa sen David Rey sobre o campo, que tivo os seus últimos minutos coma profesional, chegou o segundo gol dos nosos certificando a remontada e a vitoria. Inmellorable asistencia de Diego Rey para Samu e este supera ao porteiro cun disparo ao pau longo. Bo premio para o centrocampista, que volveu ao once titular.
Logo dunha merecida remontada, chegou un posible pau para os nosos transformado en pena máxima de Ander sobre un home local. E aquí aparece a nota curiosa do encontro. E é que Berto, porteiro do Barbadás, foi o encargado de lanzar o penalti. Por sorte, baixo paus apareceu Lorenzo para salvar o que puido ser o tanto do empate.
E chegou o fin.
Hai case 9 meses comezou en Abegondo a tempada 2016/17 cunha derrota do Compos ante o filial do Deportivo. Máis de 3.400 minutos de fútbol oficial despois, o equipo pecha unha nova tempada co sétimo posto asegurado e a mente posta en mellorar a vindeira tempada, onde o obxectivo debe ser moi superior. Unha tempada, a 17/18, que non contará sobre o campo de San Lázaro con Cabrejo nin David Rey mais na que se gaña a dous seareiros máis.
Agora mesmo só queda unha cousa por dicir a xogadores, corpo técnico, directiva e demais xente que forma a familia branquiazul: GRAZAS!
ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, David Rey (), Cardeñosa, Taboada; Samu, Mon; Diego Rey, Make, Nogueira (); e Santi.
CARTÓNS: Amarelos para Ander, Cardeñosa, Rubén e Mon.
GOLES: 1-0 46' Igor, 1-1 51' Cardeñosa, 1-2 59' Samu.
CAMPO: Os Carrís.

Ningún comentario:
Publicar un comentario