13 de maio.


Novo día e tres encontros da historia recente do noso Compos que recordar. Tres precedentes onde destaca a Segunda división e unha goleada ante un rival co que se volveu xogar un amigable hai poucas semanas. Tres partidos importantes e tres contrarios a ter moi en conta.

13 de maio de 2000.
Comezamos nun campo e un equipo que, por motivos negativos, entraron na historia do Compos. Falamos de El Madrigal, agora coñecido como Campo de la Cerámica, e o Villarreal. Un gran culpable do descenso do Compos de Primeira e que se viron as caras na Segunda división dous anos despois para un partido que tardou en decidirse.
Empate en terras de Castellón nun partido onde o Compos saltou cun once formado por Rafa Gómez, Biscay, Adriano, Bellido, Saula, Villena, Hoekstra, Lekumberri, Díaz, José Manuel e Changui, aos que sumar a Pignol, Gudelj e Cabrejo, aínda no comezo da súa carreira. Foi un destes últimos, Gudelj, o autor do gol branquiazul no 76 que puido dar os tres puntos á Esedé. Por contra, Javi Gracia, actual adestrador Rubin Kazan ruso, conseguiu o empate xa no tempo engadido.

13 de maio de 2001.
De novo aparece o nome do Sporting de Xixón na nosa historia. Con aínda moito por xogarse, o equipo asturiano visitou San Lázaro para facerse cos tres puntos hai xa dezaséis anos na Segunda división con outro vello coñecido como peza importante nas filas do conxunto rival.
Rafa Gómez, Pinillos, Jubera, Biscay, Bellido, Adriano, Nando, Jacobo Campos, Pedro Aguado, Ohen e Juanito no equipo titular e Rubén Estévez, André Luiz e Gudelj de substitutos. Alberto Ruiz adiantou aos locais e Lediakhov, viu porta por segundo ano consecutivo ante os nosos. Quen tamén foi quen de anotar por segundo ano consecutivo, aínda que ante diferente rival, foi Gudelj facendo o 1-2 definitivo que non serviu de nada.

13 de maio de 2012.
Caemos agora ata a Preferente Norte. Hai cinco anos recibiamos en San Lázaro ao Dumbría na antepenúltima data do campionato, xa co ascenso no peto. Un partido que rematou cunha das maiores goleadas dos últimos anos con ata dez goles e gran emoción. 
Anxo Casalderrey sacou un equipo formado por Christian, Rego, Germán, Bautista, Damián, Manu Rodríguez, Kolman, Roberto Piñeiro, Jacobo Tato, José Ramón Garabal e Maikel, aos que engadir a Louro, Paco, Jorge e Alex Blanco. Os goles non tardaron en chegar con Maikel abrindo a lata e Roberto Piñeiro facendo o segundo. O Dumbría recortou distancias e de novo as recuperou Roberto Piñeiro repetindo tamén Maikel no 4-1. Con este resultado, o Compos baixou o ritmo e o Dumbría chegou a poñerse 4-3. Louro, pola súa parte fixo o quinto e o equipo visitante tampouco tardou en responder mentres que Alex Blanco asinou o 6-4 definitivo para o partido oficial con máis goles en moito tempo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario