Hoxe, 19 de maio, temos un día moi completo en canto a partidos do Compos na historia recente do noso clube. Cinco precedentes con partidos en cinco categorías contando dende Terceira a Primeira e cunha promoción de ascenso polo medio para comezar a mellor época do noso equipo chegando ao máis alto do fútbol nacional.
19 de maio de 1991.
Un día coma hoxe hai 26 anos comezaba a andaina do noso equipo na promoción de ascenso á Segunda división. Unha promoción que se xogou por grupos, con seis xornadas por grupo cun equipo ascendido para cada un, e que arrincou coa Esedé visitando Mendizorroza. Un partido este cun bo xogo branquiazul ao que non soubo responder o conxunto vitoriano.
Con Docobo, Modesto, Tono, Gelo, Cea; Juan, Víctor, Ochoa, Javier, Juanito e Moure, aos que sumar a Cortés e Cao, o equipo de Castro Santos soubo anular ao Alavés na súa casa cun fútbol rápido de toque e gran acerto nos contraataques. Os locais adiantáronse cun gol de Martín Beguiristain ao comezo do segundo tempo, empatou Cortés dende o punto de penalti e Moure asinou o tanto da vitoria.
19 de maio de 1996.
Segunda tempada do Compos en Primeira división. Con Fernando Vázquez no banco e a permanencia máis que asinada, o equipo branquiazul despedíase de San Lázaro na penúltima xornada do campionato recibindo a un Sevilla coa vida en xogo. Un partido que, ademais de rematar en empate, acabou cunha xeira de tres derrotas consecutivas dos nosos.
Falagán, Mauro, Tocornal, Villena, Nacho, Lekumberri, José Ramón, Passi, Abadía, Llorente e Arensoe no equipo titular e Eraña, Bellido e Paniagua entrando dende o banco de suplentes. Partido moi igualado en practicamente todo e que se pechou sen goles por parte dos dous conxuntos.
19 de maio de 2001.
En Segunda e a catro xornadas para o final da liga, o Compos visitaba o Coliseum Alfonso Pérez de Xetafe. Derrota dos nosos sobre o campo mais vitoria posterior do noso equipo por aliñación indebida dos locais. Un 0-3 que, aínda así, non serviu para asinar a permanencia na categoría de prata.
Sobre o campo, Rafa Gómez, Pinillos, André Luiz, Jubera, Adriano, Chema, Nando, Anxo, Fabiano, Pedro Aguado e Juanito, aos que engadir a Biscay, Ohen e Rubén Estévez durante o segundo tempo. O Compos foi quen de adiantarse no marcador cun gol de Jubera na reanudación do segundo tempo pero, con goles de Trigo e o ex branquiazul Maikel conseguiría empatar o conxunto local. Non obstante, o equipo madrileño perdería os tres puntos fóra do campo e a vitoria pasaría ao casilleiro compostelán.
19 de maio de 2002.
Outro final de liga e de novo en Santiago. A tempada 2001/02, que remataría tamén con outro ascenso a Segunda logo da promoción, pechouse coa visita a San Lázaro do filial do Athletic Club, o Bilbao Athletic. Unha campaña na que se chegaron a cruzar ata seis filiais no camiño dos nosos contando liga e promoción e que rematou con empate e un bo terceiro posto.
Yiyi, Manu, Castiñeiras, Adriano, Pignol, Antonio Guerao, Diego, Bossa, Cotrofe, Cabarcos e Arquero no equipo titular. Pedro Aguado, Corredoira e Sergio Gómez reforzando o equipo dende o banco de suplentes. E unha remontada que, ante dez durante unha hora, chegou obrigada polo gol de Arriaga no primeiro tempo. Na segunda, xa no engadido, empatou Adriano para os nosos sen tempo posible para unha reacción dun equipo onde se puido ver o comezo da carreira de Iraola, Gurpegi e Aduriz entre outros.
19 de maio de 2013.
E rematamos en Terceira. Final da tempada 2012/13. En San Lázaro, Compos-As Pontes. Partido doado para os nosos xa sen nada máis que asegurar o terceiro posto en xogo contra o sexto clasificado, sen opcións de entrar entre os catro primeiros. Un partido onde, de novo, o equipo amosou as súas grandes posibilidades de conseguir un ascenso que chegaría semanas despois.
O equipo de Fredi, formado por Adrián Laureda; Facal, Castiñeiras, Catú, Jimmy; Gonzalo, Germán, Franqueira, Peláez, Yahvé; e Marcos Suárez, e aos que sumar a Martín, Jacobo e Bautista, superou ao As Pontes con ata tres goles no primeiro tempo. Peláez abriu o marcador, Franqueira, que tivo que marchar mancado antes do tempo de lecer, fixo o segundo e Martín pechou o 3-0 final durante un primeiro tempo onde houbo que xogar boa parte sen un dos asistentes do colexiado.
O resumo do encontro, aquí.

Ningún comentario:
Publicar un comentario