As máximas categorías do fútbol nacional destacaban tal día coma hoxe na historia recente do Compos. Dous precedentes entre a Primeira e a Segunda división ante o Real Oviedo e o CD Leganés, dous equipos que están a pasar por un bo momento histórico coa permanencia en Primeira do conxunto madrileño.
18 de maio de 1997.
Hai vinte anos, o Compos visitaba ao Real Oviedo. Visita a un estadio que sempre estará na historia do noso equipo para conseguir un empate moi importante de cara á permanencia na Primeira división un ano máis, e xa serían tres. Reparto de puntos e máis preto o obxectivo para os dous conxuntos que rematarían o curso na zona tranquila.
Con Rafa Gómez, Mauro, William Amaral, Villena, Nacho, Popov, Fabiano, Chiba, Passi, Lekumberri e Penev, aos que engadir a Ohen, Eraña e Manuel, o Compos de Fernando Vázquez comezou perdendo con goles de Iván Ania e Stojkovski na primeira metade. No segundo tempo chegou o primeiro gol de Ohen aos vinte minutos e Manuel, a menos de dez minutos para o final, fixo o 2-2 definitivo no Carlos Tartiere.
18 de maio de 2003.
En San Lázaro si quedaron os tres puntos seis anos despois na última visita do Leganés á capital galega. Partido cómodo para os nosos ante un rival que se estaba a xogar a vida no treito final do campionato, que remataría co descenso do Compos malia rematar noveno na táboa e coa permanencia do Leganés aínda acabando en postos de descenso.
O once formado por Oliver, Pinillos, Corredoira, Pignol, Castiñeiras, Vojvoda, Fabiano, Pedro Aguado, Sequeiros, Juanito e Maikel, con Fidalgo, Chema e Rodri entrando dende o banco de suplentes, superou ao Leganés en San Lázaro a seis xornadas para o final. Triunfo dos nosos que afundía aos madrileños grazas aos goles de Maikel e Fidalgo, coa anécdota de que un chegou ao principio do xogo e o outro no treito final.

Ningún comentario:
Publicar un comentario