17 de maio


Día das Letras Galegas. Un día especial para a nosa terra e no que o Compos tamén tivo a súa parte de importancia nos 25 últimos anos xogando tal día coma hoxe ata en tres ocasións. Unha oportunidade en Segunda, outra na Segunda B e, polo medio, outra na Terceira división con dous partidos en San Lázaro.

17 de maio de 1992.
Comezamos o día co Club Deportivo Málaga, refundado dous anos despois co nome de Málaga Club de Fútbol como o coñecemos agora. Visita a La Rosaleda para visitar a un equipo que non estaba a pasar por un bo momento e que confirmou o seu descenso coa derrota ante o Compos a falta dunha xornada para o final do campionato, que para os nosos foi de tranquilidade e aprendizaxe.
Con Docobo, Cayetano, Tono, Cea, Bellido, Ochoa, Cortés, Núñez, Bodelón, Maric e Ohen no once titular e Moure e Caneda entrando dende o banco de suplentes, a Esedé asinou tres puntos importantes nun partido difícil ante un equipo con problemas económicos e que perdeu a categoría e, ese mesmo verano, desapareceu para dar no 94 co equipo que coñecemos agora da cidade andaluza. O gol branquiazul chegou nas botas de Bodelón aos 82 minutos de partido traendo así os tres puntos a Santiago.

17 de maio de 2009.
Xa neste século atopamos a primeira visita a San Lázaro nun día coma hoxe. Última xornada de Liga, nada por xogarse coa mirada posta na promoción de ascenso, e vitoria cómoda dos nosos ante o Arousa, que tamén rematou ese curso descendendo á Preferente Sur. 
Cun once formado por Pablo; Catú, Cholo, Toño, Jimmy; Claudio, Peque, Vladimir, Mariño, Tomás; e Rubén, aos que sumar a Alex Blanco, Ángelo e Rego, o Compos superou a un feble Arousa, sen opcións de salvar a categoría. Dous goles de Vladimir e un de Alex Blanco serviron para superar ao equipo vilagarcián e chegar á promoción con moi boas sensacións.

17 de maio de 2015.
Hai hoxe dous anos, o Compos remataba a tempada na casa con vitoria ante o Real Avilés, equipo que descendeu esa mesma tempada na promoción de permanencia ante o Eldense recibindo, ademais, unha goleada na casa. Partido fácil para os nosos, dominado de principio a fin e que rematou con tres goles a un. 
O equipo de Iñaki Alonso pechou unha boa tempada con Ramón; Jimmy, Catú, Alcañiz, Portela; Marcos Rodríguez; Manu Rodríguez, Quim Araujo, Jordan, Fondevila; e Yacine Qasmi no once titular e os trocos de Moreira, Iván Pérez e Lemos. Dominados os noventa minutos, Manu Rodríguez adiantou aos nosos cun gol aos cinco minutos de xogo. Xa no segundo tempo, Jimmy puxo terra de por medio, Ito recortou diferenzas e Yacine, no engadido, asinou o 3-1 definitivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario