Rematada a Liga, chegan as promocións de ascenso á Segunda e á Segunda división B. Dúas promocións onde non estará o Compos pero que aínda así haberá que seguir para coñecer, entre outras cousas, a posibles rivais do noso equipo de cara á vindeira tempada xa que hai moitos interesados nos posibles ascensos de cara á categoría de bronce do fútbol español.
Ata seis equipos da nosa terra comezarán este domingo un camiño importante que, agás no caso do Deportivo B, agardamos que dure mes e medio e teña un final feliz. Unha fase de ascenso que comezará cun gran sabor extremeño, terra onde terán que loitar ata tres dos equipos galegos na busca da historia.
Vellos coñecidos.
Comezamos coa promoción de ascenso á Segunda división. Dous representantes galegos que contan nas súas filas con algún que outro ex do noso equipo e que se enfrontarán a dous vellos coñecidos da Esedé, dous rivais que tamén se cruzaron algunha que outra vez no noso camiño.
O Celta B, que rematou terceiro no campionato, por detrás de Cultural Leonesa e Racing de Santander, terá que enfrontarse na primeira rolda da promoción de ascenso ao Valencia Mestalla. Enfrontamento de filiais cos ex branquiazuis João Camacho nas filas do equipo celeste e Quim Araujo no equipo 'che'. Ademais, no conxunto vigués hai un enorme xogador da nosa cidade, Borja Iglesias, que está a facer uns números doutra categoría.
Pola súa parte, o Pontevedra, que rematou cuarto no grupo, terá que verse as caras co Real Murcia. O equipo onde atopamos a Jacobo e Portela terá que enfrontarse a un dos grandes segundos que non hai moito xogou en San Lázaro no grupo I da categoría de bronce. Un encontro entre dous ex de Segunda división que loitarán por volver.
En canto ao pasado branquiazul, o Compos xa tivo que enfrontarse ao Valencia Mestalla alá polo ano 2002 no que foi o último ascenso dos nosos a Segunda. Naquela promoción, xogada por grupos, chegou con dúas vitorias dos nosos sobre o filial valencianista e un ascenso que se consumou unha xornada antes da sexta data logo dunha vitoria en San Lázaro sobre o Barça B. Por contra, ante o Real Murcia xogamos hai dúas tempadas por última vez con dous empates a un gol.
Compartirán viaxe?
Imos xa cos catro enfrontamentos que terán os equipos da Terceira para facer historia e acadar o ascenso á Segunda B, onde seguirá o Boiro logo dunha goleada importante ante o Burgos e salvarse no final do campionato. Depor B, Rápido de Bouzas, Cerceda e Bergantiños buscarán o ascenso con ata tres rivais extremeños nesta primeira rolda da promoción.
O Deportivo B, campión do grupo, buscará volver á categoría na que militou hai seis tempadas. O equipo coruñés terá que verse as caras ante outro que foi rival do noso Compos a pasada tempada: o CP Cacereño. O equipo de Cáceres terá que recibir este mesmo domingo aos coruñeses nunha eliminatoria na que o perdedor terá unha segunda oportunidade mentres que o gañador será xa equipo de Segunda B dentro de doce días.
Sen marxe de erro, atopamos a un Rápido de Bouzas que buscará o camiño á segunda rolda da promoción nun camiño moito máis curto. Os vigueses terán que enfrontarse ao Cayón cántabro co partido de volta no Baltasar Pujales. Un enfrontamento ante un cuarto clasificado que, nun principio, debería ser algo máis doado para os de Patxi Salinas.
Volvemos a Extremadura. De feito, os dous equipos que faltan xogarán alá os partidos de volta nesta primeira eliminatoria. O Bergantiños, que rematou cuarto confirmando a súa presenza na última xornada de liga, terá que verse as caras ante o CD Badajoz, rival que caeu ante o Choco o pasado ano na mesma rolda. A ida, en Carballo.
Pola súa parte, o Cerceda buscará pechar ese ascenso que leva buscando, e merecendo, en nove dos quince últimos anos nos que rematou entre os catro primeiros e quedando ás portas. O equipo de José Luis Lemos este ano terá que comezar a súa andaina ante o Jerez coa ida no Roxo e a volta en Jerez de los Caballeros, tamén en Extremadura.
O Cultural Areas, a Terceira.
Logo do ascenso do Noia, o Cultural Areas confirmou a súa volta á Terceira división e será un novo rival do Compos a vindeira tempada. O equipo de Ponteareas, volve á categoría logo de dous anos na Preferente Sur a falta de dúas xornadas para o remate do campionato por enriba do Arenteiro.
O Céltiga depende dos ascensos.
O Céltiga rematou décimo sexto na clasificación e, logo do descenso do Somozas, depende dos catro equipos que loitarán por ascender á Segunda B. O equipo da Illa de Arousa descendería se ningún acada o ascenso de categoría provocando algún descenso máis tamén na Preferente Sur.
Laracha, Estudiantil, Arenteiro e Ourense CF tamén dependen dos ascensos dos catro equipos de Terceira para, facerse con outros tres postos que poderían estar dispoñibles de cara á vindeira campaña na máxima categoría do fútbol galego.

Ningún comentario:
Publicar un comentario