Novo día e dous novos precedentes na historia recente do noso Compos. Dous partidos entre a Segunda división e a Segunda B onde atopamos de novo a David Rey no once titular. Dous encontros que remataron con resultados moi diferentes deixando en San Lázaro tres puntos de seis posibles ante Palamós e Sanse.
16 de maio de 1993.
Segunda división con aínda 20 equipos. Xornada 33 do campionato coa permanencia en xogo por parte dos dous conxuntos, que finalmente conseguiron con tres e un punto de diferenza respectivamente sobre o Figueres, que si perdeu a categoría. E tres puntos importantes para o noso equipo grazas a dous goles.
Docobo, Tocornal, Bellido, Cea, Modesto, Nacho, Bodelón, Fabiano, Ohen, Pichi Lucas e Moure no once titular. Ochoa e Toni entrando dende o banco de suplentes. O Compos non tardou en adiantarse máis de cinco minutos cun gol de Pichi Lucas de penalti nun partido igualado na zona media da clasificación. Na segunda metade, a media hora para o final, foi Ohen o encargado de facer un segundo tanto co que sentenzar tres puntos de ouro, importantísimos para a permanencia.
16 de maio de 2004.
Baixamos unha categoría once anos despois e atopamos no equipo a David Rey, que non tivo moita sorte nesta cita ante o Sanse no Nuevo Matapiñonera, en San Sebastián de los Reyes. Partido que rematou con derrota branquiazul pechando a tempada cun descenso confirmado semanas antes.
Un once formado por Roberto Pazos, Rafa Moreno, Tachi, David Rey, Castiñeiras, Javicho, Seoane, Rodri, Anxo, Lara e Chico, aos que sumar a César, Julián e Víctor, non puido cun Sanse xa salvado e que se adiantou á media hora de xogo cun gol de Vaqueriza. O conxunto madrileño pechou a súa derradeira vitoria daquel campionato cun segundo gol a oito minutos para o final, nesta ocasión obra de David Rey en propia porta.

Ningún comentario:
Publicar un comentario